Saltar ao contido principal
Xornal

Alumnado de Educación Social colabora co proxecto ‘Acampa’ cunha experiencia sobre persoas refuxiadas

Forma parte das actividades de Acampa, que este venres e o sábado pretende mostrar como é un campo de persoas refuxiadas e propiciar unha reflexión sobre as causas da guerra

Actualizada: 21-06-2019 14:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel do proxecto desenvolvido polo alumnado de Educación Social

Alumnado de Educación Social colaboran este venres 21 e o sábado 22 co proxecto ‘ Acampa, pola paz e o dereito ao refuxio’, unha iniciativa cidadá sen fins de lucro integrada por colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos, sindicais, artísticos e de institucións e empresas con responsabilidade social. A súa finalidade é mostrar como é un campo de persoas refuxiadas e por extensión comprender mellor as verdadeiras causas da guerra.

O equipo de Educación Social da USC colabora co desenvolvemento dunha ‘Gymkana experiencial’, actividade que se inspira na mecánica de funcionamento dun ‘scape room’, onde as persoas participantes teñen que ir superando probar para resolver un misterio que se lles formula ao inicio. As probas simulan diferentes retos, a modo de paralelismo coas situacións que debe enfrontar unha persoa refuxiada na súa viaxe na procura dun suposto futuro mellor. O obxectivo da ‘ gymkana’ é que as persoas participantes tomen conciencia das dificultades do refuxio, así como tamén sobre os discursos do odio e a discriminación.

O equipo que deseñou a proposta está conformado por Lorena Trillo López, Stefany Sanabria Fernandes, Yessica Vidal Lourido, Mónica Rodríguez Somoza e Nahir Queiro Alberte. A proposta xurde no marco do proxecto de Aprendizaxe-Servizo ‘EDUCO. Educación Social e intervención educativa’ e partiu da relación entre tres materias ao longo do 3º curso do grao en Educación Social vinculadas á planificación, xestión e avaliación de proxectos e a unha experiencia práctica real. No caso concreto do proxecto de ‘Gymkana experiencial’ no seu desenvolvemento conta co apoio da ONGD Ecos do Sur.