Saltar ao contido principal
Xornal

Farmacia, Veterinaria e Óptica e Optometría despiden este sábado as súas promocións de grao coa celebración de actos en Santiago e Lugo

Actualizada: 21-06-2019 14:36
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A USC despide este sábado 22 de xuño as novas promocións de grao de Farmacia, Veterinaria e Óptica e Optometría coa celebración de cadanseu acto académico no Palacio de Congresos de Compostela, no auditorio do campus de Lugo e no Colexio de Fonseca, respectivamente, sesións nas que participarán, respectivamente, o reitor Antonio López, e as vicerreitoras de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, e de Titulacións, Victoria Otero Espinar.

Promoción2014-19 de Veterinaria
A Facultade de Veterinaria do campus de Lugo celebra este sábado 22 de xuño, a partir das 11.00 horas, na auditorio do centro universitario, o acto académico de fin de grao da promoción 2014-2019. A vicerreitora de Coordinación do campus, Montserrat Valcárcel Armesto, será a encargada de presidir esta sesión académica que terá como protagonistas a 95 futuros veterinarios que están a piques de completar a súa formación de grao.

O profesor da Área de Cirurxía e Medicina Animal da USC Joaquín Hernández Bermúdez, que actuará como padriño desta nova promoción de grao en Veterinaria, abrirá a quenda de intervencións desta sesión, logo da súa presentación a cargo de Laura Román e Javier Real, dous dos estudantes da promoción 2014-19 que tamén se ocuparán de facer unha viaxe polas peripecias vividas por este grupo de estudantes universitarios ao longo da súa estadía no campus de Lugo da USC.

A lectura do xuramento médico veterinario a cargo da alumna Sara García e que logo será aceptado por todos os integrantes da promoción, dará paso á entrega de becas e imposición de insignias ao alumnado desta nova promoción de grao en Veterinaria. O decano da Facultade, Germán Santamarina; o tamén docente padriño da promoción, Joaquín Hernández; o presidente do Colexio de Veterinarios de Ourense, Juan José Gómez; a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o deputado provincial Álvaro Santos e a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, conforman o elenco de autoridades que intervirán neste acto, no que se agarda a presenza dunha ampla representación do profesorado, ademais de familiares e amigos dos futuros graduados e graduadas.

O acto académico de fin grao da promoción 2014-19 de Veterinaria rematará cun viño de honra, no que colaboran Galeno, MSD e Estrella Galicia, e unha sesión de Photocall, por xentileza de Royal Canin, que tamén achega un agasallo para os novos titulados.

V Promoción do grao de Farmacia
O reitor da USC, Antonio López, preside este sábado, a partir das 18.00 horas, no Palacio de Congresos de Santiago, acto de fin de grao da quinta promoción de titulados en Farmacia, no marco dunha sesión na que se procederá a imposición de becas aos novos graduados e graduadas, ao tempo que se fará entrega de diplomas dos Premios Extraordinarios de Grao de Farmacia 2017-18 a Daniel Gómez Costas e Alba García Pose, así como Elvira González García, José Manuel Olveira Rivas e Mª Dolores Vázquez Illanes, polo traballo de titoría desenvolvido á hora de supervisar e guiar as prácticas profesionais realizadas polo alumnado de Farmacia.

O presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Ourense, Vicente Álvarez Fernández, en representación dos colexios de farmacéuticos de Galicia, abrirá a quenda de intervencións deste acto académico de fin de grao, dos que oficiarán como padriños da nova promoción os profesores Carmen Álvarez Lorenzo e Mnauel Campos Toimil.

O decano da Facultade de Farmacia, Francisco Otero Espinar, a ex decana Isabel Sández Macho; os presidentes dos colexios oficiais de farmacéuticos de Lugo e da Coruña, Alejandro Sánchez Pérez-Mel e Héctor Castro Bernardino, respectivamente, e o vogal do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, José Antonio Fornos, tamén participarán neste acto de fin de grao da quinta promoción de Farmacia.

As vice decanas de Calidade e Relacións Exteriores e de Coordinación Académica do Alumnado, Reyes Laguna Francia e Paz García Martínez, respectivamente, e a secretaria do centro, Matilde Casas Parada, completan a quenda de autoridades da mesa presidencial desta celebración, na que tamén intervirán en representación do alumnado Ana Fernández Vázquez, Jacobo Martín Mariño e Joaquín Saavedra Sánchez Mera. A lectura do xuramento profesional correrá a cargo de Francisco Cajade Pascual e Fátima Mayo Olveira, que son os mellores expedientes da quinta promoción do grao en Farmacia da USC.

Óptica e Optometría
A vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar, presidirá o acto de graduación da promoción 2015-2019 de Óptica e Optometría nunha sesión a partir das 17.30 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. O presidente da delegación de Galicia do Colexio Nacional de Ópticos-Optometristas, Eduardo Eiroa Mene, abrirá a quenda de palabra seguido da decana da Facultade, Mª Jesús Giráldez Fernández. En representación do alumnado intervirán Yaiza Pacior e Óscar Berea, a quen seguirán os padriños da promoción, Dolores Purificación Ferreiro Figueiras e Carlos García-Resúa. A entrega de becas e diplomas conmemorativos precederá ao peche do acto.