Saltar ao contido principal
Xornal

As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera de Lugo, a debate do 15 ao 18 de xullo no Ibader

A matrícula neste curso de verán da USC dirixido por Antonio Rigueiro e Rosa Romero permanece aberta ata o 5 de xullo na web da USC

Actualizada: 25-06-2019 10:04
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Sede do Ibader, no campus de Lugo

‘ As plantas medicinais no desenvolvemento sostible das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares lucenses e montes de Cervantes, Navia e Becerreá’ é o título do curso de verán da USC que se desenvolverá na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do 15 ao 18 de xullo. Este programa, dirixido por Antonio Rigueiro e Rosa Romero, está estruturado en 30 horas lectivas e ofrece un máximo de 50 prazas. A matrícula está aberta ata o 5 de xullo na web da USC.

 

Os obxectivos dos promotores deste curso de verán da USC pasan por ofrecer ao alumnado participante unha visión sobre as plantas e fungos medicinais desde diferentes puntos de vista, afondando nas especies que podemos atopar en Galicia e naqueles aspectos que fan posible que poidan ser contemplados como un recurso económico complementario no medio rural galego, e especialmente nos espazos protexidos, como as Reservas da Biosfera, contribuíndo así ao desenvolvemento rural nestas zonas.

 

O profesor da USC e director do Ibader, Pablo Ramil Rego, abrirá o 15 de xullo a quenda de intervencións cun achegamento á historia da utilización das plantas medicinais. Ademais de relatorios sobre cuestións ligadas aos principios activos de plantas medicinais, procesado industrial das mesmas e, entre outros temas, cultivo ecolóxico, o curso inclúe tamén obradoiros de cosmética natural, así como viaxes de prácticas á Serra do Courel e á Estación Científica do Courel, así como saídas de recoñecemento de plantas medicinais á Reserva da Biosfera Terras do Miño.