Saltar ao contido principal
Xornal

As xornadas sobre Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano debaterán na USC o futuro deseño educativo en materia de competencias dixitais

Celébrase este xoves 27 e o venres 28 organizadas pola USC e a Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft de Valencia co lema ‘Transformación da educación por e para a Intelixencia Artificial’

Actualizada: 27-06-2019 10:59
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

As xornadas sobre Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano reflexionarán na Universidade de Santiago sobre como debe transformarse a formación universitaria nun momento en que a Intelixencia Artificial (IA) está cada día máis presente, ata o punto de que mesmo hai quen a define como a “electricidade do século XXI’. Así, o encontro leva por lema ‘A transformación da educación por e para a IA’ e a súa celebración na USC dá continuidade ás anteriores edicións nas universidades de Valencia e Granada. Esta actividade nace da experiencia de máis de 200 expertos de distintas áreas da investigación e a docencia universitaria, que teñen debatido sobre os retos que formula a IA e aos que deberían facer fronte as políticas públicas nesta materia. Esta é unha iniciativa enmarcada nas actividades da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft da  Universitat de Valencia cuxa organización acomete a USC coa colaboración do seu Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e da Rede Empresa e Administración.

A primeira sesión deste encontro celebrarase no Hotel AC Palacio do Carmen este xoves 27 e arrincará coas intervencións de benvida do profesor Senén Barro, de Gabriel López, director de Asuntos Regulatorios de Microsoft España, e do profesor Ricard Martínez. A continuación, terá lugar un primeiro coloquio ao redor da estratexia nacional de  IA e sobre o grao de desenvolvemento da I+D+i neste ámbito, da man do asesor en Ciencia e Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Manuel González, e do profesor da Universidade de Granada Francisco Herrera, respectivamente.

O venres 28 o reitor da USC, Antonio López, presidirá ás 9.10 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito a sesión inaugural das xornadas. De inmediato desenvolveranse as distintas sesións previstas e agrupados ao redor de tres bloques temáticos: a formación en  IA dos profesionais  STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e do profesorado, así como dos futuros profesionais do dereito e da economía e a empresa. “Non son todos os ámbitos da formación universitaria nos que convén incidir, pero quizais si aqueles por os que temos que empezar, e inmediatamente”, afirma Ricard Martínez, director da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft- Universitat de Valencia, en cuxas actividades se enmarcan as xornadas.

Intelixencia artificial na educación
Existe unha coincidencia xeral entre especialistas á hora de considerar o impacto da IA sobre o futuro dos/as profesionais universitarios e sobre o mercado de traballo, tanto en termos de oportunidades e nichos de emprego como en termos de exclusión. Neste sentido, o director da Cátedra Microsoft, Ricard Martínez, considera que “a universidade española enfróntase ao reto de ser un dos motores no liderado da investigación e a educación en materia de IA. Iso esixe abordar un deseño educativo orientado ás competencias dixitais”. Unha análise preliminar realizada polos grupos de traballo que prepararon os documentos para o debate “evidencia a necesidade dunha revisión significativa da formación do profesorado nas etapas  preuniversitarias, tanto na súa formación continua como na súa formación universitaria inicial”.

Profundando na pertinencia das xornadas, o director do  CiTIUS, o profesor Senén Barro, engade que “as tecnoloxías intelixentes, como a aprendizaxe automática, o big data ou o Internet das cousas, están a cambiar rapidamente o tipo de habilidades que requiren os profesionais e afectando cada vez de modo máis intenso ao emprego”. Neste sentido, a Unesco incide na necesidade de “revisar os programas académicos para incorporar as habilidades dixitais e as chamadas  soft  skills”. “As máquinas serán cada vez máis intelixentes e xa están a demostrar máis competencia que as persoas en moitas tarefas nas que paradoxalmente insistimos na educación. Debemos ensinar aos nosos mozos aquilo que máis nos diferencia das máquinas, como a creatividade ou o pensamento crítico, ou acabarán facendo o traballo para o que usar unha máquina aínda salga máis caro”, destaca Senén Barro.

No encontro que se celebrará en Compostela este xoves 27 e o venres 28 está prevista a participación dun centenar de persoal experto de máis de vinte universidades españolas, representantes da Conferencia de Reitores, así como da administración tanto autonómica como estatal e dos sectores empresariais e profesionais.