Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría ofrece a súa candidatura como sede estable de grupos de traballo da Sociedade Española de Ciencias Forestais

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, preside no campus de Lugo a entrega dos Premios Universitarios 2018 outorgados pola SECF

Actualizada: 27-06-2019 14:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Francisco José Ruiz Gómez recolle o premio SECF 2018 á mellor tese de doutoramento, na EPS de Enxeñaría de Lugo

A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC presenta a súa candidatura como sede estable de grupos de traballo da Sociedade Española de Ciencias Forestais (SECF), unha entidade científica que ten a EPS de Enxeñaría entre o seus membros institucionais, ao tempo que tamén conta con moitos dos profesores e investigadores deste centro universitario da USC entre o seu colectivo de socios.

 

O director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta García, defendeu a idea de que a Sociedade Española de Ciencias Forestais considere o centro universitario lugués como sede estable de grupos de traballo da entidade científica no marco da cerimonia de entrega de Premios Universitarios 2018, uns galardóns instaurados pola SECF en 2007 e a través dos que cada ano esta sociedade científica recoñece os mellores traballos realizados por estudantes sobre temas forestais, ciencias e técnicas forestais (premios ás mellores teses de doutoramento, tesiñas, proxectos ou traballos fin de grao e traballos fin de máster). O acto de entrega destes galardóns, que en edicións anteriores recaeron en titulados formados no campus de Lugo, celebrouse este xoves por vez primeira na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC.

 

A Sociedade Española de Ciencias Forestais (SECF) foi creada en 1991 para fomentar o estudo e o progreso das ciencias e técnicas forestais en España co ambicioso obxectivo de promover o perfeccionamento científico e técnico dos seus membros, estimular a cooperación entre ele e impulsar o intercambio nacional e internacional entre entidades e especialistas nos seus campos de actuación. Cun colectivo de socios integrado na súa maioría por enxeñeiros de montes, enxeñeiros técnicos forestais, enxeñeiros agrónomos, enxeñeiros técnicos agrícolas, biólogos, químicos, avogados, economistas, xeólogos e farmacéuticos, entre outros perfís, a SECF organiza cada catro anos o Congreso Forestal Español.

 

Premios Universitarios SECF 2018

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, presidiu este xoves a entrega de dos Premios Universitarios SECF 2018, un acto celebrado na EPS de Enxeñaría da USC e no que tamén participaron, ademais do presidente da SECF, Felipe Bravo Oviedo; o secretario da entidade, Carlos del Peso Taranco, e o director do centro universitario lugués, Tomás Cuesta.

 

O doutor pola Universidade de Córdoba e Premio SECF á mellor tese de doutoramento presentada en España en 2018, Francisco José Ruiz Gómez, ofreceu nesta sesión un relatorio baixo o título ‘Estudo da interacción entre oomicetos de podredume radical e Quercus ilex L.’, unha temática sobre a que versa a súa tese de doutoramento. A SECF acordou tamén outorgar nesta categoría un accésit a Adrián Pascual Arranz pola memoria presentada na Universisty of Eastern Finland baixo o título ‘Improving forest management planning by means of airborne laser scanning and dynamic treatment units based on spatial optimization’.

 

Ángel Cunill Campubrí, da Universidade de Lleida recibiu o premio SECF 2018 como autor do mellor traballo fin de carreira ou grao, un apartado no que Jerónimo Cid, da Politécnica de Madrid, acadou un accésit. Asemade, Juan Francisco Aragón, da Universidade de Córdoba, acadou o premio SECF 2018 como autor do mellor traballo fin de máster oficial, categoría na que Albert Morera Marra, da Universidade de Córdoba, conseguiu un accésit.


Outras imaxes


Valcárcel, entre o presidente da SECF, Felipe Bravo, e o profesor da USC, Guillermo Rojo, na entrega dos Premios Universitairos 2018 da SECF