Saltar ao contido principal
Xornal

A entrega de diplomas puxo o broche á cuarta edición do proxecto Mentoring USC

Actualizada: 27-06-2019 14:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A sesión celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite

O proxecto ‘Mentoring USC. Desenvolvemento Profesional’ celebrou este xoves 27 o acto de clausura da súa cuarta edición coa entrega de diplomas aos mentores/as e ao alumnado participante. En total participaron un total de 63 estudantes e 73 mentores e mentoras. A sesión desenvolveuse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidida polo reitor Antonio López, e coa asistencia da concelleira de Educación, Noa Díaz Varela; das vicerreitoras de Titulacións e de Comunicación, Cultura e Servizos, Victoria Otero Espinar e Mar Lorenzo Moledo; e da secretaria xeral, Dulce García Mella. No acto interviñeron ademais Mª Elisa Neiro en representación do alumnado e Nelly Rey no dos/as profesionais que exerceron como mentores.

A finalidade de Mentoring é poñer en contacto o alumnado de máster, graduados/as de último curso e titulados/as recentes con directivos/as e profesionais de empresas, coa fin de orientalos e apoialos na busca de emprego e no desenvolvemento do seu proxecto profesional. A figura do  mentor ten como obxectivo potenciar a empregabilidade dos alumnos, poñendo en valor os seus coñecementos e experiencias e permitindo deste modo o seu crecemento profesional e o desenvolvemento do talento.

O proxecto estruturábase en dúas fases. Unha primeira, de outubro a decembro, no que cada estudante tiña a oportunidade de realizar un Itinerario  de orientación personalizada, con asesoramento por parte do persoal técnico de orientación laboral da USC ademais de participar nun programa formativo dirixido á mellora da súa empregabilidade. Achegóuselle información sobre cuestións relativas á identificación de competencias e intereses, definición de obxectivos profesionais, apoio para a elaboración do currículo e pautas para elaborar o plan de acción a desenvolver co mentor/a. Tamén se realizou un programa de actividades formativas en competencias profesionais para a busca de emprego.

O segundo período, de xaneiro a xuño, foi xa co mentor ou mentora dunha área formativa ou profesional acorde ao ámbito e intereses do estudante. Este contacto permitiu facilitar coñecementos da área de traballo de interese específica, información sobre alternativas profesionais ao tempo que clarificar dúbidas sobra a profesión elixida, ofrecer apoio para a definición do obxectivo profesional e de itinerarios formativos e facilitar coñecementos específicos e prácticos sobre a profesión do mentor ou mentora.