Saltar ao contido principal
Xornal

Botou a andar a décima edición dos Campus Científicos de Verán

Participa alumnado de 1º de Bacharelato e 4 de ESO de toda España

Actualizada: 01-07-2019 16:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O alumnado da primeira quenda xunto cos coordinadores dos distintos proxectos e autoridades asistentes ao acto. Foto: Servimav-USC

A décima edición dos Campus Científicos de Verán arrancou este luns 1 de xullo no campus compostelán. Esta é unha iniciativa organizada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), adscrita ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades en colaboración co Ministerio de Educación e Formación Profesional. Diríxese a alumnado de 1º de Bacharelato e 4º de ESO de centros educativos de toda España e pretende fomentar a investigación científica de excelencia así como o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica ao tempo que espertar entre os estudantes vocacións científicas e avivar o seu interese, tanto polo estudo das ciencias como pola actividade investigadora.

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo, presidiu a sesión inaugural e o acto de benvida a esta primeira quenda de participantes no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca (Campus Vida). Os Campus Científicos desenvolveranse ao longo de xullo coa participación de 120 estudantes: na primeira quincena para 60 estudantes de 1º de Bacharelato distribuídos en dúas quendas dunha semana de duración e na segunda quincena para o alumnado de 4º de ESO, igualmente ao longo de dúas quendas semanais.

O profesor Celso Rodríguez Fernández, coordinador do Programa ‘A Ponte entre o Ensino Medio e a USC’ coordina esta actividade na USC, na que o alumnado poderá participar nos proxectos ‘¿Cómo eliminar a contaminación da auga?’ ‘Atrévete a investigar e innovar!’, ‘Buscando partículas no maior acelerador da historia: LHC’, ‘A maxia dos hidroxeles intelixentes’ e ‘MathematiCSI: Mathematical Scene Investigation’ dirixidos respectivamente por Gumersindo Feijoo Costa, Xabier Cid Vidal, Francisco Javier Otero Espinar e Mª. Victoria Otero Espinar.

Os Campus Científicos de Verán contan coa colaboración de 13 universidades pertencentes aos Campus de Excelencia Internacional, que foron seleccionadas polo Ministerio de Educación e Formación Profesional conforme a valoración realizada dos mellores proxectos de acercamento científico presentados.