Saltar ao contido principal
Xornal

A sexta edición do programa Argos premia un proxecto de avaliación do benestar animal e unha proposta de cultivo e transformación de Arnica

Actualizada: 01-07-2019 13:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os distintos equipos participantes en Argos, xunto coas autoridades asistentes ao acto de entrega de premios celebrado no Paraninfo da Universidade. Foto: Servimav-USC

A sexta edición do programa Argos ‘Creando equipos emprendedores da USC’ entregou este luns 1 de xullo aos seus premios aos dous mellores equipos desta convocatoria. A convocatoria contemplaba dúas categorías de premios establecidas e dotadas con 3.000 euros cada unha: Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC, e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias ou empresas do contorno de Santiago e Lugo e seis meses de acceso gratuíto a espazos de incubación. No primeiro caso, resultou premiado a proposta Bewell, un proxecto orixinario do Campus de Lugo de base tecnolóxica que ofrece un sistema de avaliación propia do benestar animal asociada a unha marca de garantía da USC e unha carteira de servizos de medición e asesoramento especializados. Estaría orientado ao sector agroindustrial e especificamente “á mellora do benestar animal dende o punto de vista do seu confort ambiental, estado sanitario e emocional, redundando nunha mellora da calidade dos produtos derivados que chegan ao consumidor final”. O seu equipo promotor confórmano Adán Castro-Gil Centelles, Roberto Besteiro Doval, Tamara Arango López e Juan Esparís Silva.

Na categoría Argos Enxeño, o premio recaeu en Arnigal Cultivos, proxecto que desenvolveu un proceso integral que permite o cultivo e primeira transformación da plan Arnica montana  e que promoven Arturo Rodríguez Blanco, José Rodríguez Couceiro, Raquel Fernández Cebrián, Rita María Pose Curros e Antía Sollos Bañobre. O produto resultante é un extracto de Arnica montana autóctona de Galicia de cultivo ecolóxico. No futuro, o equipo promotor agarda poder desenvolver novos produtos aproveitando as diversas aplicacións que presenta esta planta.

O director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, José L. Villaverde Acuña,  presidiu o acto de entrega celebrado no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía Historia) coa presenza do concelleiro de Presidencia do concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; a deputada da área de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; e a técnico da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Elena Polo Prieto.

Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa. O seu obxectivo é conformar equipos interdisciplinares aos que se lles facilitará acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente.