Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a Consellaría do Mar estudarán como mellorar a produción de semente e a loita conta os patóxenos do marisco

Actualizada: 01-07-2019 13:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, asinaron este luns dous convenios de colaboración que teñen como obxectivo mellorar a produción marisqueira na comunidade. Unha das liñas de investigación está centrada en optimizar a produción de semente en criadeiros, que actualmente é insuficiente para cubrir as necesidades do sector, e a outra pretende buscar o mellor xeito de loitar contra os patóxenos do xénero vibrio, causantes de mortalidades que reducen a produción marisqueira.

A acción de investigación ‘Criadeiro de bivalvos: análise integrado de cultivo e busca de indicadores prácticos’ aspira a mellorar a produción de semente en criadeiros tras analizar a influencia das bacterias nos individuos reprodutores, seleccionar as poboacións de proxenitores máis aptas e achar indicadores prácticos para predicir o éxito/fracaso dos cultivos. Este traballo realizarano de forma conxunta a USC e o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), dependente da Consellería do Mar, entre este ano e o que vén e contribuirá a avanzar no coñecemento dos problemas que afectan aos criadeiros de bivalvos. O convenio conta cun orzamento de algo máis de 78.000 euros que se destinarán a compensar os custos nos que incorra a USC no marco deste labor.

Pola súa banda, a acción de investigación ‘Poboacións microbianas e control de patóxenos en criadeiros de bivalvos’ busca o mellor xeito de loitar contra os patóxenos do xénero vibrio, causantes de importantes mortalidades que comprometen a produción marisqueira. Os traballos serán desenvolvidos tamén de forma conxunta por persoal do CIMA e da USC e permitirán afondar no coñecemento deses patóxenos e desenvolver protocolos que axuden a controlar a súa propagación.