Saltar ao contido principal
Xornal

Os Cursos de lingua e cultura galegas recibirán este ano alumnado de máis de vinte nacionalidades

Actualizada: 01-07-2019 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, inaugurarán este martes 2 de xullo a XXXII edición dos Cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’, en cuxa edición de 2019  participan preto de 70 estudantes procedentes de máis de vinte países de catro continentes. A sesión inaugural que se celebrará no Salón de Actos da Facultade de Filosofía a partir das 12.30 horas contará ademais coa participación de Xosé Luís Regueira, director do ILG; Liliana Martínez, secretaria técnica dos Cursos; e Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.

O programa desenvolverase en Santiago de Compostela do 2 ao 24 de xullo combinando, como é costume, clases teóricas e prácticas sobre o idioma e a cultura de Galicia con palestras, excursións e obradoiros.  O Instituto da Lingua Galega da USC e a Real Academia Galega co organizan estes cursos co apoio da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. O programa é co dirixido polo secretario da RAG, Henrique Monteagudo, e o director do ILG e tamén académico, Xosé Luís Regueira.

Os estudantes da nova edición proceden de Rusia, Finlandia, Hungría, India, Irán, Madagascar, Romanía, Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Cuba, República Checa, Inglaterra, Gales, Estados Unidos, Polonia, Italia, Portugal, Venezuela e distintas comunidades autónomas de España.