Saltar ao contido principal
Xornal

'Inside the Lab', a gran xornada de demostración tecnolóxica do CiTIUS

Actualizada: 03-07-2019 13:37
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe exterior do CiTIUS

O Centro singular de Investigación en Tecnoloxía Intelixentes (CiTIUS) reforzará a súa estreita relación con empresas e administracións o vindeiro día 12 de xullo coa quinta edición da Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the lab. O evento repite un ano máis como encontro de referencia perante os distintos axentes do tecido socioeconómico, co propósito de amosar aos representantes de organizacións públicas e privadas as oportunidades que presentan os resultados de investigación máis recentes do centro. A participación na xornada é gratuíta e require inscrición telemática ata o 9 de xullo, cubrindo o formulario dispoñible na web oficial do evento.

A demostración de tecnoloxías permanecerá activa en horario libre durante toda a mañá do venres (entre as 10.00 e as 14.00), e do mesmo xeito que en edicións pasadas terá unha estrutura similar ao formato clásico das feiras tecnolóxicas, permitindo que os asistentes visiten as instalacións do CiTIUS no horario que lles resulte máis conveniente.

Pasen e vexan
Tan pronto como cheguen ao punto de benvida, os visitantes recibirán un plano coa localización de todos os demostradores repartidos polo centro. Este mapa facilitará a localización das posibles visitas, unha pequena mostra das últimas tecnoloxías desenvolvidas por equipos de investigación do centro. Entre as temáticas que estarán presentes na edición 2019 de Inside the lab atópanse unha solución para a monitoraxe da polución en Smart Cities, unha aplicación nutricional baseada en solucións de Intelixencia artificial Explicable, a aplicación do procesado de imaxe  hiperespectral para a análise de concas fluviais ou o desenvolvemento de solucións para a detección e tracking de centos de obxectos en tempo real.

Os 13 demostradores abranguen unha ampla gama de resultados transferibles en distintas áreas e avalan a investigación do centro en distintas fases de desenvolvemento, desde prototipos creados a partir de proxectos de investigación, ata resultados tecnolóxicos xa transferidos a través de distintas fórmulas (tanto por medio da licenza á industria como mediante a incubación de novas iniciativas empresariais).

O encontro contará tamén coa presenza das dúas Spin-off do CiTIUS: Situm, cuxo negocio se centra no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamiento en interiores e Imagames, que desenvolve solucións de gamificación en dominios como a aprendizaxe virtual ou a mercadotecnia dixital. Creadas respectivamente en 2014 e 2015, entre ambas suman xa máis de 40 empregados e presenza en 40 países.

A xornada incluirá tamén a presentación de InVerbis, unha iniciativa beneficiaria do Programa Ignicia Proba de Concepto promovido pola Xunta de Galicia, que actualmente se atopa en fase de incubación. Inverbis converterase nunha nova spin-off do CiTIUS en 2020, e a súa actividade principal estará centrada na analítica de negocio por medio de tecnoloxías de minería de procesos.