Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a Universidade de Södertörn co organizan en Carril un taller internacional sobre a pesca de pequena escala

Actualizada: 04-07-2019 13:57
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O taller reúne profesionais da pesca e do marisqueo así como persoal científico de catro continentes. Foto: Marcela Vázquez

A Universidade de Santiago organiza estes días na localidade pontevedresa de Carril o obradoiro internacional ‘Co-construíndo Futuros Sustentables para a Pesca de Pequena Escala’. Co organizado conxuntamente coa Universidade de Södertörn (Suecia), este é un encontro que pretende analizar a importancia socio-económica e cultural da pesca de pequena escala, abordando igualmente a súa contribución ao benestar das comunidades locais e a busca de futuros sustentables. No seu desenvolvemento están convocados profesionais da pesca e do marisqueo así como persoal científico de catro continentes. O evento está organizado polos docentes Gloria Gallardo Fernández e Sebastián Villasante.

Este taller pecha un proxecto de investigación desenvolvido por un grupo transdisciplinar de investigadores procedentes de Chile, Sudáfrica, Vietnam e Suecia. Baixo a denominación JUSTMAR, esta colaboración internacional comezou en 2014 financiada inicialmente polo International Social Science Council e posteriormente polo Swedish Research Council. Durante os últimos catro anos o grupo analizou a situación da pesca a pequena escala en Chile, Sudáfrica e Vietnam, en diálogo directo con profesionais da pesca, identificando as múltiples ameazas que enfrontan e entre as que se atopa a globalización dos mercados pesqueiros e os efectos da pesca industrial.

Como explica o profesor da USC Sebastián Villasante, a principal conclusión do estudo pon de releve que a pesca de pequena escala atópase nunha situación de crecente vulnerabilidade, a pesar de que contribúe ao 66% dos consumo humano directo global e de que constitúe unha actividade clave para o sostemento das comunidades costeiras. Segundo datos da FAO, preto de 40 millóns de persoas no mundo traballan neste subsector pesqueiro, o que representa un 90% de todos os pescadores/as. Ademais practicamente a totalidade destas persoas viven en países en vías de desenvolvemento e destas aproximadamente 6 millóns de pescadores/as gañan menos de 1 dólar norteamericano ao día.

Como engade Sebastián Villasante, estas cifras xustifican a importancia de xerar espazos de debate como o taller que se celebra este días en Carril e no que se darán cita profesionais de países en vías de desenvolvemento coas seus homólogos galegos. A través do coñecemento científico e o coñecemento tradicional de profesionais da pesca e o marisqueo, se analizarán e co-construirán solucións conxuntas e creativas para responder a unha realidade complexa que require dun achegamento multidisciplinar baseado na cooperación. Cunha elevada participación de mulleres dedicadas á pesca de pequena escala, a recolección de algas e o marisqueo, o taller pretende ser tamén un lugar para o recoñecemento, visibilidade e posta en valor do traballo realizado pola muller que, na maioría dos casos, enfrontan desigualdades en termos de acceso a recursos, servicios, oportunidades de emprego  ou participación na toma de decisións, entre outras.