Saltar ao contido principal
Xornal

A USC inicia a renovación do seu cadro de persoal de administración e servizos

O acordo foi asinado este venres logo da súa negociación con todos os sindicatos representantes do persoal laboral. No mes de xullo, a USC fará efectiva a subida salarial adicional do 0,25% ligada ao PIB para o persoal ao que afecte esta medida

Actualizada: 08-07-2019 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O xerente e representantes dos traballadores do PAS laboral asinaron este venres un acordo en San Xerome

A ampliación do prazo para acollerse á xubilación parcial anticipada e a recuperación da idea de xubilación forzosa aos 65 anos son dúas das propostas coas que a USC inicia a renovación do seu cadro de Persoal de Administracións e Servizos (PAS). Trátase de dúas medidas negociadas con todos os sindicatos representantes do persoal laboral na universidade compostelá e que desenvolve un dos puntos principais do Plan de PAS presentado o pasado mes de maio aos representantes dos traballadores/as. Igualmente, a USC fará efectivo neste mes de xullo a subida salarial adicional do 0.25% ligada ao PIB para os empregados/as aos que lles é de aplicación e que foi establecida no segundo acordo do Goberno estatal cos sindicatos.

Na USC a idade media do PAS supera os 52 anos, por riba da medida de todo o estado (48,3 anos). Co obxecto de iniciar a renovación do cadro do PAS e frear o aumento desta idade media, a Xerencia da USC e os representantes deste colectivo laboral, negociaron un acordo asinado este venres que ofrece a posibilidade de acollerse á xubilación parcial anticipada ata 2023. Con esta medida, quen así o desexe poderá reducir un 50% a súa xornada ata que cumpra a idade de xubilación ordinaria aplicable. A USC contratará a persoal de remuda para cubrir o outro 50% da xornada.

A segunda das medidas negociadas e acordadas recupera a idade de xubilación forzosa aos 65 anos. O Convenio Colectivo do PAS xa establecía esta idade pero non era de aplicación dende 2012, froito das medidas adoptadas polo goberno estatal fronte a crise económica.

Lembrando a filosofía dos eixos da Programación Plurianual 2019-2022 en relación a xestión de persoal, o xerente Javier Ferreira sinalou que “o persoal da USC constitúe un dos seus activos esenciais e unha das súas principais fortalezas”. Neste senso valorou “moi positivamente a actitude e disposición das organizacións sindicais pra chegar a un acordo que abra a posibilidade de renovar o persoal de administración e servizos, un dos principais retos da USC nos vindeiros ano”.