Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, na posición 101-125 das mellores universidades europeas en materia de docencia

Recentemente, o ránking de El Mundo de mellores másteres incluíu sete programas da USC

Actualizada: 08-07-2019 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo da Facultade de Relacións Laborais

A de Santiago atópase na posición 101-125 das mellores universidades de toda Europa en materia de docencia. Times Higher Education acaba de presentar o seu ránking específico neste eido a partir, en boa medida, dunha enquisa de estudantes europeos que este ano recibiu respostas de 125.000 persoas en 18 países.

Para a súa elaboración tómanse en consideración catorce indicadores, con particular atención a cuestións relacionadas coa contorna da ensinanza e aprendizaxe do alumnado así como cos resultados académicos do estudantado. Estes indicadores agrúpanse en catro áreas sobre o cumprimento do servizo universitario en termos de servizo; recursos para o desenvolvemento da función docente, particularmente a través da ratio profesorado/alumnado; resultados, a partir dos valores recompilados na enquisa; e ambiente, parámetro no que se inclúen a proporción de alumnado e profesorado en perspectiva de xénero, número de alumnado internacional e de captación de programas Erasmus+.

Ránking de másteres de El Mundo
Esta nova listaxe faise pública semanas despois de que El Mundo recoñecera aos 250 mellores másteres de España e entre os que se destacaban sete programas de posgrao da Universidade compostelá. As mellores posicións foron para o máster en Lexicografía, primeiro da subárea de Letras, dentro da área de Humanidades, e para o de Enxeñaría Ambiental, na subárea de Xestión Ambiental, dentro do apartado de Medio Ambiente. No ámbito de Ciencia e Tecnoloxía, o máster de Química Orgánica (titulación compartida coa Autónoma e Complutense de Madrid) ascende á terceira posición na área de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas, mentres que o de Enxeñaría Química e Bioprocesos ocupa a quinta posición do subgrupo de Biociencias.

Do ámbito da Empresa, o máster de Comercio Exterior ascende á segundo posición da súa subárea, mentres que o de Turismo Urbano figura terceiro no apartado de posgraos especializados en Turismo. Completa o cadro a quinta posición do máster en  Investigación de Medicamentos, no apartado de Farmacia do ámbito de Saúde. A clasificación de El Mundo realízase en base a 25 criterios que facilitan as distintas institucións consultadas agrupados en demanda, recursos humanos, plan de estudo, resultados académicos e medios materiais.