Saltar ao contido principal
Xornal

Presentado no Colexio de Fonseca un libro conmemorativo do 50 aniversario de Feiraco

Froito da colaboración do IDEGA, o libro pecha os actos conmemorativos da cooperativa láctea

Actualizada: 05-07-2019 14:29
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O reitor Antonio López presidiu a sesión

Pasado, presente e futuro do mundo rural. Feiraco, un modelo cooperativo de 50 anos é o título do libro presentado este venres froito da colaboración entre a cooperativa CLUN e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). A obra pon o punto de final aos actos de conmemoración do 50 aniversario da cooperativa Feiraco. O acto de presentación celebrado no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e contou coa asistencia do Consello Reitor de CLUN, do seu presidente José Ángel Blanco e o seu director xeral Rafael Prieto. Ademais interviñeron o director do IDEGA, Alberto Meixide, e o ex presidente de Feiraco, José Montes.

A obra, publicada por Galaxia, recolle os artigos de investigadores galegos que, dende diferentes ópticas, analizan os retos actuais e as perspectivas de futuro do medio rural e o papel do cooperativismo. Segundo relatan os diferentes autores, nos últimos 50 anos, a presenza desta cooperativa na comarca de Barcala tivo “importantes e positivas consecuencias sociais, económicas e tecnolóxicas, que á súa vez promoveron un cambio cultural nas familias”, que pasaron a vivir fundamentalmente das súas ganderías e do sector lácteo. Neste senso, o volume dá conta do proceso integrador e de compromiso co rural co que naceu Feiraco, un compromiso que se impulsou coa integración en CLUN, un proxecto de portas abertas a todo o cooperativismo agrario galego.

No mesmo acto, o catedrático Darío Villanueva recibiu a Medalla Conmemorativa do 50 Aniversario de Feiraco das mans de José Montes, ex presidente da cooperativa. Feiraco recoñeceu deste xeito a Darío Villanueva polo seu labor como reitor da Universidade de Santiago e impulsor de que Feiraco, co seu presidente Jesús García Calvo, presidise o Consello Social da Universidade  e impulsase a súa cooperación coa institución académica.

CLUN, o referente do sector agrogandeiro galego
A cooperativa CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) nace da unión de Feiraco, Os Irmandiños e  Melisanto con vocación de ser referencia no sector agrogandeiro galego. Aliñada cos grandes movementos cooperativos europeos, ten tres grandes obxectivos estratéxicos que contribúen á sustentabilidade da produción láctea: integración dos servizos técnicos financeiros para alcanzar unha maior eficiencia dos custos de produción das explotacións, optimizar as subministracións e agregar volume para mellorar a cadea de valor e contribuír á súa estruturación. Con 3.500 socios e máis de 400 traballadores, CLUN comercializa as marcas Feiraco, Únicla, Clesa, Arquega e Almond Breeze.


Outras imaxes


Na xornada, Darío Villanueva recibiu a Medalla Conmemorativa do 50 Aniversario de Feiraco

A xornada desenvolveuse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca