Saltar ao contido principal
Xornal

A USC participa no maior proxecto europeo de loita contra avespa velutina

Coordinado polo CEER, conta cunha trintena de socios de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido

Actualizada: 09-07-2019 16:14
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal (CEER) coordina o proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina), unha iniciativa na que colabora a USC e que está considerada como o maior proxecto de investigación posto en marcha en Europa para frear a avespa asiática, cun orzamento de máis de 2,3 millóns de euros e a implicación de dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido e a colaboración doutros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia.

No desenvolvemento do proxecto colaboran as universidades de Santiago e de Vigo, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, o Instituto Nacional de Investigação Agrária e Veterinária, a Universidade de Trás-os-montes e Alto Douro, o Institut National de la Recherche Agronomique, a University College Cork e a University of Exeter. Por parte da USC participan os profesores Xulio Maside e Valerià Paül, este último en calidade de director da Fundación CEER. Paül destaca que esta iniciativa é froito de “esforzos para coordinar as colaboración previas das universidades e artellar un consorcio internacional no que tamén se atopan stakeholders, actores sociais e administracións públicas”.

O equipo da USC abordará o impacto económico desta invasión, extrapolando un estudo previo feito na provincia da Coruña, que apunta que os apicultores invisten o 20% dos ingresos do mel en métodos de loita. Tamén estudarán as pautas e factores ambientais e biolóxicos que determinan a propagación da praga e a súa densidade, e colaborarán coa UVigo no deseño de métodos que permitan minimizar a poboación de velutinas cun mínimo impacto ecolóxico nas poboacións autóctonas, xa que os que se empregan actualmente, “como os insecticidas ou explosivos son perigosos para o ecosistema” , lembra Xulio Maside. O profesor da USC destaca que o sistema máis efectivo e respectuoso coa contorna “son as trampas eléctricas” que atrapan ás velutinas pero deixan pasar a especies de menor tamaño. Unha cuarta liña de traballo céntrase nos estudos biolóxicos que poden explicar o éxito desta invasión, poñendo a proba algunhas hipóteses previas, “como o feito de que as comunidades de parasitos que afectan ás especies invasoras poden ser moito máis reducidas que os parasitos que afectan ás especies autóctonas”.

Obxectivos específicos do proxecto
Entre os obxectivos de Atlantic-POSitiVE, no eido tecnolóxico fixouse a realización dun radioseguimento da avespa velutina ata os seus niños, desenvolvemento dun software para rexistrar o movemento das especies e dunha web colaborativa para as xestións relacionadas coa velutina, así como unha plataforma de predición en liña para a avaliación dinámica do risco de invasión e ferramentas estatísticas e tecnolóxicas para monitorear os cambios na súa distribución. Do mesmo xeito, os expertos e expertas crearán un protocolo para a captura, rastrexo e vixilancia radioeléctrica de individuos de velutina, metodoloxías para a localización de niños e unha análise molecular de parasitos que poidan afectar a esta invasora e mecanismos para a súa distribución. Tamén se realizará un congreso científico internacional e unha campaña educativa e, tendo en conta a participación no proxecto de dous países que aínda non están afectados por esta invasión, tamén se traballará dende o eido da prevención, realizando un plan de acción contra a propagación en Reino Unido e Irlanda, así como sesións de formación para os apicultores irlandeses e británicos e o persoal da administración pública.