Saltar ao contido principal
Xornal

A EPS de Enxeñaría avaliará efectos agronómicos e nutricionais de leguminosas nunha parcela experimental en Castro de Rei

O estudo da aptitude forraxeira destas especies é unha das accións ligadas á Granxa Experimental do Campus Terra no proxecto de innovación europeo SmartAgriHubs

Actualizada: 10-07-2019 12:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Investidagadores da USC co director da granxa Gayoso-Castro e da integrantes da empresa 3edata, na superficie que acubillará a futura parcela de ensaio

Investigadores do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC habilitarán na finca Gayoso-Castro de Castro de Rei unha parcela de ensaio para estudar e avaliar os efectos agronómicos e nutricionais de catro especies de leguminosas perennes ao tempo que se testará a súa aptitude forraxeira para o seu emprego en alimentación animal.

 

Esta actividade de carácter experimental está ligada á futura posta en marcha da Granxa experimental do Campus Terra da USC, unha nova instalación proxectada na finca Gayoso-Castro, propiedade da Deputación Provincial de Lugo, e que, entre outras función, tamén dará soporte a actividades de docencia e I+D+i, ao tempo que servirá como centro de demostración, experimentación e innovación acaído para o desenvolvemento do tecido produtivo da súa contorna, segundo se deriva da inclusión da futura granxa experimental no proxecto de innovación europeo SmartAgriHubs, unha actuación liderada pola Universidade de Wageningen e incluída na estratexia europea Horizon 2020.

 

Unha das accións a desenvolver no marco deste proxecto é precisamente a posta en marcha dunha parcela de ensaio, unha superficie de cultivo na que está previsto sementar a comezos de outono varias leguminosas perennes co fin de testar a súa aptitude como forraxe de calidade para o gando vacún de leite. Os investigadores da EPS de Enxeñaría da USC implicados neste proxecto xa realizaron unha primeira visita á finca Gayoso-Castro, no municipio de Castro de Rei, para seleccionar os terreos nos que se farán os ensaios futuros. O director da granxa Gayoso-Castro, Miguel Ángel Fernández López, acompañou ao grupo de investigadores da USC nesta visita, na que tamén participou a empresa de asesoría medioambiental e teledetección 3edata.

 

A actuación proxectada nesta parcela contempla  a avaliación agronómica e nutricional de catro especies de leguminosas perennes para o seu emprego en sistemas de alimentación animal de baixo custe baseados no uso de forraxes. O grupo de investigadores, entre os que se atopa Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación,  usarán para o seu traballo drons, cos que farán varios voos programados sobre a superficie en ensaio, a fin de efectuar un seguimento sobre a evolución dos cultivos e acadar así a información necesaria para a posta a punto dun modelo para estimar o seu grao de desenvolvemento.

 

A introdución neste estudo de leguminosas alternativas ao trevo branco como o lotus e a esparceta contribuirá a controlar os problemas de timpanismo que poden aparecer nos animais e a reducir as posibles perdas de amonio nos ouriños e a produción de gases de efecto invernadoiro debido a un incremento na proteína non degradable no rume.

 

Os resultados acadados neste ensaio estarán encamiñados á súa transferencia directa ao sector gandeiro galego, a fin de contribuír así a unha mellora na sustentabilidade ambiental das explotacións e un abaratamento nos custes de alimentación do rabaño. De feito, un dos cometidos deste proxecto é o de achegar ao sector tecnoloxías innovadoras coas que mellorar o manexo das granxas, ademais de poñer ao seu alcance novas ferramentas propias da era dixital.