Saltar ao contido principal
Xornal

Os ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes achéganse este venres en Ciencias ao emprendemento innovador no sector alimentario

A directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra da USC, Ángeles Romero, guiará, ás 13.00 horas, un coloquio con relatores ligados á Business Factory Food

Actualizada: 11-07-2019 14:51
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

A Agrupación Estratéxica do Campus Terra da USC BioReDes achégase este venres ao emprendemento innovador no sector alimentario cunha nova sesión dos ‘Xantares Biocientíficos’, no marco da que a catedrática da USC e directora da Cátedra do Pan e do Cereal do Campus Terra, Ángeles Romero, moderará, a partir das 13.00 horas, na Facultade de Ciencias de Lugo, unha mesa redonda sobre esta temática.

 

Esta nova entrega dos ‘Xantares Biocientíficos’ de BioReDes contará como relatores convidados con persoas ligadas á Business Factory Food (BFFood). Esta aceleradora do sector alimentario conta con dous programas deseñados para o impulso de proxectos en función do grao de desenvolvemento dos mesmos, desde a idea inicial co programa de aceleración, ata o afianzamento das vendas co programa de consolidación.

 

O coordinador da BBFood e integrante do Clúster Alimentario de Galicia, Javier Álvarez Osuna; o conselleiro delegado de Torre de Núñez, empresa tractora da BBFood, José Manuel Núñez Torre, e Pablo López Gutiérrez, promotor do proxecto Essence Food, seleccionado na primeira edición de aceleración da Business Factory Food, tomarán parte nesta mesa redonda.

 

Unha vez rematada a quenda de intervencións e o posterior coloquio, o público asistente poderá gozar duns petiscos por cortesía de Panadería da Cunha. A finalidade dos ‘Xantares Biocientíficos’ impulsados pola Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra é precisamente a de fomentar o intercambio de ideas nun clima distendido tomando como punto de partida unha conferencia ou mesa redonda centrada nos eixos estratéxicos de BioReDes.