Saltar ao contido principal
Xornal

Emprendia acolle a primeira xuntanza do proxecto SPIN_UP

Permitirá mellorar o ecosistema de innovación e transferencia que xa posúen as universidades, achegándoo e facendo mais visible aos sectores empresariais

Actualizada: 16-07-2019 12:24
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Esta primeira xuntanza reuniu a todos os socios do proxecto no edificio Emprendia da USC

A primeira xuntanza de socios do proxecto SPIN_UP ‘Definición e implementación de NLT para a promoción de SpinOffs Universitarias e StartUps innovadoras’ celebrouse este martes o edificio Emprendia da USC. Este é un proxecto liderado pola incubadora Uninova e co financiado polo programa de Cooperación Interreg V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.

O proxecto, que conta cun orzamento total de 1.11 millóns de euros, permitirá mellorar o ecosistema de innovación e transferencia que xa posúen as universidades, achegándoo e facendo mais visible aos sectores empresariais. Búscase propiciar así a creación e a consolidación de novas iniciativas empresariais no Espazo de Cooperación, partindo da existencia e identificación dunha necesidade ou reto. Ademais, servirá para validar o modelo de ‘Núcleos Locais de Transferencia’ como experiencia piloto exportable a outros territorios, nos que a colaboración dos axentes xeradores de coñecemento, as administracións públicas e o sector empresarial facilite o encontro entre as necesidades do tecido produtivo e a oferta de coñecemento.

Á reunión asistiron representantes de todos os socios do proxecto: Asociación Área Empresarial do Tambre, Associação Nacional de Jovens Empresários do Porto, Cámara de Comercio de Santiago, Igape, Uninova e Universidade do Porto. Acompañados tamén, de representantes do Concello de Santiago de Compostela e da USC, socios fundadores da incubadora Uninova.