Saltar ao contido principal
Xornal

Un estudo da USC en Nature avoga por alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas para os océanos a través da redución dos subsidios prexudiciais

Actualizada: 17-07-2019 12:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

os autores chaman a atención sobre o perigo de contribuír a unha maior sobrecapacidade das frotas. Imaxe de arquivo

Nunha carta ao editor publicada recentemente na coñecida revista científica Nature, o profesor do Departamento de Economía aplicada da USC Sebastián Villasante, xunto con Rashid Sumaila da Universidade de British Columbia (Canadá) e o investigador Frederich Le Mànach (BLOOM, Francia), defenden que para seguir na senda de progreso da mellora da saúde dos océanos na Unión Europea da última década é preciso que os gobernos non reintroduzan os subsidios “ malos” por parte da Unión Europea, é dicir, aqueles subsidios que contribúen a unha maior capacidade de pesca e que foron prohibidos pola UE no ano 2004.

Tamén se indica que unha parte xenerosa deste fondo europeo se dedique a protección ambiental, por exemplo das áreas mariñas protexidas, investigación e control e recompilación de datos, así como a seguridade das embarcacións e das tripulacións, “é dicir, subsidios bos para a saúde dos mares”, aclara o investigador da USC.

Os autores alertan de que a reintrodución das axudas á construción de buques pesqueiros iría en contra do consenso internacional para que estes subsidios prexudiciais para os océanos rematen en 2020, coa finalidade de alcanzar un dos Obxectivos (14.6) de Desenvolvemento sostible fixados pola ONU para o ano 2030. En caso contrario, e a pesar das boas intencións dos gobernos de apoiar á industria pesqueira con subsidios, máis do 60% deles son considerados prexudiciais na medida en que contribúen a unha maior sobrecapacidade das frotas e a un maior desequilibrio dos beneficios da pesca industrial e artesanal.

Segundo expoñen os autores, “a biodiversidade mariña europea atópase nun mal estado”,  tal e como sinala o último informe da Plataforma Internacional de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos (IPBES), sendo os subsidios á pesca en parte responsables do estado actual dos ecosistemas oceánicos e aos servizos que estes brindan, aclaran os autores do documento. Insístese nesta publicación en que se deben evitar subsidios que acaben cos recursos pesqueiros das futuras xeracións, e Europa debe afastarse de dar un mal exemplo ao resto do mundo nunha etapa crucial das negociacións da Organización Mundial do Comercio.

O artigo conclúe pedindo á comunidade científica, ONGs e sociedade civil que esixan á Unión Europea para que cumpra coas súas obrigas de sustentabilidade no século XXI, en virtude dos acordos internacionais asinados pola UE e das leis de pesca.