Saltar ao contido principal
Xornal

Describen un novo mecanismo que facilita a metástase no cancro de mama

Actualizada: 17-07-2019 13:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De dereita a esquerda, Román Pérez, Samuel Seoane e Anxo Martínez

A expansión do cancro de mama conta na súa evolución coa colaboración dos macrófagos, unhas células do sistema inmunitario cuxa función cambia en presencia da proteína POU1F1. Investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), do Departamento de Xenética no campus lugués e do Hospital de Jove en Gijón acaban de achegar novos datos sobre este relación nun traballo publicado na revista The Journal of Pathology, publicación especializada en cancro.

No traballo ‘POU1F1 transcription factor promotes breast cancer metastasis via recruitment and polarization of macrophages’, o equipo describe que a presenza da proteína POU1F1 en células tumorais de mama atrae cara o tumor a macrófagos. Estas células do sistema inmune, en condicións normais, actúan en contra dos elementos estraños que poden atacar o organismo e entre os que se atopa o tumor. Non obstante, os investigadores teñen demostrado que en presenza da proteína POU1F1 os macrófagos transfórmanse e, en lugar de actuar de xeito defensivo, colaboran coas células tumorais para facilitar a progresión tumoral e o desenvolvemento de metástase.

O equipo de investigación describe os mecanismos e os factores implicados nesta transformación dos macrófagos, abrindo a posibilidade de busca de novos tratamentos en tumores de mama con elevada presenza da proteína POU1F1. O traballo realizouse utilizando liñas celulares humanas, modelos de animais como embrións de peixe cebra e ratos, así como mostras de tumores procedentes de pacientes. O artigo asínano Samuel Seoane, Anxo Martinez-Ordoñez, Noemi Eiro, Pablo Cabezas-Sainz, Luis O. Gonzalez, Manuel Macia, Laura Sanchez, Francisco Vizoso e  Roman Perez-Fernandez.


Outras imaxes


As ceúlas tumorais de mama con alta presenza de POU1F1 modifican o fenotipo dos macrófagos