Saltar ao contido principal
Xornal

A iniciativa de asesoramento sobre benestar animal ‘BeWell’ impulsada desde o campus de Lugo, premio ‘Argos Spin’ 2018

O proxecto promovido por Roberto Besteiro, Tamara Arango, Adán Castro-Gil e Juan Esparís ofrece servizos de avaliación, medición e asesoramento en benestar animal

Actualizada: 17-07-2019 14:21
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Tamara Arango e Roberto Besteiro, na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo

A iniciativa emprendedora de base tecnolóxica ‘BeWell’, un proxecto xerminado no campus de Lugo da USC e promovido por Adán Castro-Gil Centelles, Roberto Besteiro Doval, Tamara Arango López e Juan Esparís Silva, vén de acadar o premio Argos Spin 2018 na última convocatoria do ‘Programa Argos. Creando equipos emprendedores’ da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC

 

O proxecto de spin-off BeWell, agasallado na sexta convocatoria de Argos cun premio en metálico de 3.000 euros, aspira a ofrecer servizos especializados en materia de benestar animal ao sector agroindustrial coa finalidade de mellorar a calidade dos produtos que chegan ao consumidor final.

 

A iniciativa emprendedora madurada no campus de Lugo xurde como un proxecto orientado a ofrecer asesoramento especializado sobre benestar animal en granxa a través da medición de variables ambientais no interior do aloxamento. Ademais, BeWell posibilita un sistema de avaliación propia do benestar animal asociada a unha marca de garantía da USC, alén de posuír servizos de auditoría para outras certificacións.

 

Outras das prestacións que pretende achegar BeWell aos usuarios están ligadas coa elaboración e disposición de informes sobre concentración ou emisión de gases en explotacións gandeiras; servizos de enxeñaría, en especial aqueles orientados á xestión ambiental das explotacións, eficiencia enerxética e implantación de enerxías renovables; formación específica en benestar animal e emisións de gases, ou mesmo outras prestacións relacionadas co deseño e instalación de ensaios experimentais con fins científicos.

 

Os enxeñeiros agrónomos formados na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e ligados actualmente ao grupo de investigación Biomoden Tamara Arango López e Roberto Besteiro Doval son os dos promotores da idea orixinal que deu pé ao proxecto ‘BeWell’, ao que, nunha fase posterior se incorporaron o tamén enxeñeiro agrónomo Juan Esparís Silva e Adán Castro-Gil, chamado a coordinar aspectos administrativos e de márketing dunha iniciativa emprendedora, da que tamén cómpre citar como colaboradora á veterinaria e investigadora da USC no campus de Lugo Ana Burgueiro.

 

O Programa Argos da USC alberga como principal obxectivo a conformación de equipos interdisciplinares aos que se lles facilita acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio ademais de avaliar a súa capacidade para chegar a constituír un proxecto empresarial convincente. Argos susténtase en tres ideas: a complementariedade de perfís persoais e profesionais no equipo; a presenza dunha persoa con coñecementos de xestión empresariais; e o acceso á carteira de resultados de investigación da USC que poderán ser a base do seu plan de empresa.