Saltar ao contido principal
Xornal

Unha mostra no Colexio de Fonseca exhibe a metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da USC

Actualizada: 19-07-2019 14:11
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A exposición ‘Cinco vidas, unha historia. A metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da USC’ é o título a exposición promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC e a USC e inaugurada este xoves no Colexio de Fonseca nun acto no que participaron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; o delegado Institucional do CSIC en Galicia, Antonio de Ron Pedreira; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey; o director do Incipit, Felipe Criado-Boado; e o comisario da exposición, Xosé-Lois Armada.

O título da exposición fai referencia a cinco etapas polas que terían pasado os obxectos expostos e que se inician coa súa elaboración e terminan cos últimos estudos realizados polo Incipit. En total son 22 pezas metálicas, na súa maioría machadas de bronce, en cuxos traballos de investigación e restauración participou un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón y Cajal do Incipit e comisario da exposición. Os obxectos pertencen a antigas coleccións arqueolóxicas de Santiago de la Iglesia, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio, que foron doadas á USC entre os anos 1927 e 1948 e que na actualidade forman parte da colección arqueolóxica da Universidade de Santiago.

Ademais das pezas, o público poderá consultar documentación inédita, negativos fotográficos en placa de vidro ou publicacións antigas que permiten coñecer a historia destas coleccións e o seu proceso de incorporación á Universidade.

Tras a súa elaboración e uso hai aproximadamente 3.000 anos, os obxectos que se exhiben foron retirados da circulación e enterrados, formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita. De feito, as pezas foron recuperadas a finais do século XIX, con frecuencia durante labores agrícolas e de forma casual. No caso concreto de Galicia, atopáronse en diversos lugares das provincias da Coruña, Ourense e Lugo, concretamente nos termos municipais de Ortigueira, As Pontes, Verín ou Vilalba, entre outros.


Outras imaxes


Detalle dunha das pezas expostas. Foto: CSIC