Saltar ao contido principal
Xornal

A sostibilidade agro-territorial, a debate na EPS de Enxeñaría da USC do 4 ao 6 de setembro no XII Congreso de Economía Agraria

Uns 130 investigadores españois e iberoamericanos presentarán 159 comunicacións nun foro que xirará arredor do sector leiteiro, territorio rural, cooperación e clústeres

Actualizada: 22-07-2019 12:41
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz do XII Congreso de Economía Agraria da AEEA

A sostibilidade agro-territorial centrará a temática do XII Congreso de Economía Agraria que se desenvolverá do 4 ao 6 de setembro na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC, un foro científico de carácter estatal para o que xa confirmaron a súa inscrición uns 130 investigadores de universidade españolas e iberoamericanas nas que se imparten estudos de agronomía e enxeñaría forestal, ademais de profesionais destes sectores, e no marco do que se presentarán 159 comunicacións e máis dunha decena de pósteres.

                                                               

A estrutura da próxima edición do congreso de periodicidade bienal da Asociación Española de Economía Agraria xirará arredor de tres mesas plenarias, nas que un total de 11 relatores de recoñecido prestixio tratarán cuestións ligadas á sostibilidade e retos do sector leiteiro, á ordenación e fórmulas de produción do territorio rural, así como á dinamización deste sector primario a través da cooperación e dos clústeres agroalimentarios interesados na promoción de iniciativas innovadoras e sostibles.

 

As pretensións do XII Congreso de Economía Agraria, constitúe a actividade máis importante das que promove a AEEA, pasan por salientar e poñer de relevo a importancia da análise da sostibilidade dos actuais modelos de consumo e  produción agroalimentaria, gandeira e forestal no contexto territorial no que se desenvolven. A celebración deste evento científico no campus de Lugo, permitirá abordar este debate desde a perspectiva atlántica e sen obviar a fraxilidade das áreas que están a sufrir graves problemas de tipo económico e demográfico, a pesar de tratarse de enclaves con potencialidades para a creación de riqueza.

 

A celebración deste congreso no Campus Terra da USC, a sede da USC que avanza na súa especialización no aproveitamento e na posta en valor de toda a riqueza e das potencialidades que ofrece todo o relacionado coa terra e o territorio, permitirá asemade estimular a investigación sobre o futuro das políticas agrarias e, en particular, da Política Agraria Común (PAC) da próxima década. Á relevancia deste congreso cómpre sumar tamén as potencialidades da sede universitaria luguesa, cuxa actividade docente e de I+d+i pivota en grande medida sobre a actividade agrogandeira e as súas industrias derivadas, características que fan do campus de Lugo un enclave acaído para o encontro, o diálogo e a transferencia de coñecemento.

 

O Congreso de Economía Agraria da AEEA chega a Lugo logo dunha xa dilatada andaina que botou a andar en 1992 en Zaragoza, tomando o relevo das denominadas Reunións de Estudo celebradas ata entón pola citada asociación. Entre 1992 e 2007 estes congresos científicos foro de periodicidade trienal e tiveron como sedes Valencia (1995), Lleida (1998), Pamplona (2001), Santiago de Compostela (2004) e Albacete (2007). Almería (2009), Madrid (2011), Castelldefels (2013), Córdoba (2015) e Elche/Orihuela (2017) completan a relación de localizacións que acubillaron este evento científico da AEEA ao longo do último cuarto de século.