Saltar ao contido principal
Xornal

O Verán CampUSC 2019 reúne a preto de 500 participantes en cinco quendas ata mediados de setembro

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, a concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Noa Díaz, e o xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, visitaron este martes as actividades do Verán CampUSC

Actualizada: 23-07-2019 14:47
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita, Lorenzo, Hermida, Díaz e un monitor do Verán CampUSC

A vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, xunto coa concelleira de Igualdade do Concello de Santiago, Noa Díaz, e o Xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida, visitaron este martes 23 de xullo o programa de conciliación Verán CampUSC, onde puideron coñecer de primeira man o seu funcionamento e as diversas actividades programadas nas que participan preto de 500 nenos e nenas de entre tres e 13 anos de idade.

O Verán CampUSC é un programa ideado en aras a facilitar a conciliación e cuxas actividades se desenvolven de luns a venres en horario de 8.45 a 14.45 horas nas instalacións deportivas do Campus Vida da USC. Na edición deste ano o Verán CampUSC conta cun total de 487 nenos e nenas, que gozarán en varias quendas de cen participantes cada unha, dende finais de xuño ata a primeira semana do mes de setembro.

O Verán CampUSC 2019,  ao igual que en anos anteriores está concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer para os nenos e nenas, que permita a pais e nais traballadores da USC conciliar a vida laboral e familiar neste período. O programa tamén está aberto a outras persoas que, aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria, precisen desta oportunidade de conciliación.

Ao longo das actividades do programa, amósaselles aos participantes as bases dunha importante cantidade de xogos e deportes, atendendo ás particularidades das súas idades e desenvolvemento psíquico-físico. Os promotores de Verán CampUSC sosteñen que a práctica de actividades físico-deportivas resulta beneficiosa non só no plano da saúde, senón tamén como vía para inculcar, dun xeito lúdico, os valores de disciplina, esforzo, perspectiva de xénero, dedicación e respecto ás normas que, sen dúbida, resultarán de utilidade para a vida cotiá.

Esta actividade está organizada pola Fundación USC Deportiva e nela colaboran a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da USC e, por cuarto ano consecutivo, o Concello de Santiago de Compostela a través da Concellería de Igualdade. Así mesmo, coma en anos anteriores, prestan tamén colaboración a Oficina de Igualdade de Xénero e o Servizo de Deportes da USC.