Saltar ao contido principal
Xornal

Unha investigación desenvolvida na USC analiza o tratamento da crise económica nos medios de comunicación

O xornalista coruñés Raul Rios estuda na súa tese, dirixida por López Iglesias e Álvarez Pousa, a actuación dos medios de comunicación ante as políticas de austeridade

Actualizada: 23-07-2019 14:38
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Raul Rios Rodríguez

O xornalista coruñés e máster en Desenvolvemento Económico e Innovación pola USC Raul Rios Rodríguez, analiza na tese de doutoramento que vén de presentar na USC baixo o título : ‘O tratamento mediático da crise económica: Umha legitimaçom da resposta política neoliberal? Análise de El País e La Voz de Galicia (2008-2015)’ o tipo de discurso reproducido polos medios de comunicación no seu tratamento da crise económica de 2008.

 

A investigación de doutoramento desenvolvida por Raul Rios baixo a dirección dos profesores Edelmiro López Iglesias e Luis Álvarez Pousa, analiza se os medios actuaron como axentes lexitimadores das políticas de austeridade e as reformas estruturais postas en marcha no Estado español a partir de maio de 2010 como resposta á crise.

 

Para analizar o discurso dos dous xornais obxecto de estudo nesta tese, o autor tomou como base a teoría do framing e realizou unha análise de contidos tanto cualitativa como cuantitativa dunha mostra composta por máis de 2.000 textos xornalísticos. A principal conclusión que extrae dos resultados da análise é que os medios estudados lexitimaron as políticas de tipo neoliberal ao presentalas como se fosen a única alternativa existente; non necesariamente tratándoas como positivas ou desexábeis.

 

Raul Rios Rodríguez conclúe no seu estudo que unha parte significativa dos textos xornalísticos estudados mantiveron un ton relativamente crítico ao tratar as consecuencias deste tipo de políticas, pero sen dedicar espazo a tratar outras posíbeis opcións de política económica.

 

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento desenvolvida por Raul Rios Rodríguez ao abeiro do programa de doutoramento Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, outorgou a esta investigación a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.