Saltar ao contido principal
Xornal

A USC e a universidade xordana Princesa de Sumaya amplían a súa colaboración no ámbito das investigacións tecnolóxicas

O reitor Antonio López recibe en San Xerome a unha delegación académica e científica de Xordania encabezada polo reitor da Universidade de Tecnoloxía Princesa Sumaya

Actualizada: 26-07-2019 13:44
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Antonio López e Mashhoor Al Refai, este venres en San Xerome

A USC e a Universidade Tecnolóxica Princesa Sumaya de Xordania prevén ampliar a xa estreita colaboración que manteñen as dúas institucións académicas no ámbito das investigacións tecnolóxicas, segundo acordaron este venres en San Xerome o reitor Antonio López e o presidente da institución académica xordana, Mashhoor Al Refai, no marco dunha xuntanza de traballo na que tamén participaron o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización da USC, Víctor Arce, o seu homólogo de Asuntos Académicos da institución académica xornada, Waleed Salameh, o presidente da Sociedade Científica de Xordania, Nabil AL Fayomi, e Sami Ashour, do Servizo de Relacións Exteriores da USC.

 

A delegación académica e científica xornada aproveitou a súa estadía en Santiago de Compostela para visitar as instalacións dalgúns do centros científicos singulares da USC, a fin de coñecer de primeira man os seus servizos e as liñas de I+D+I nas que están a traballar e nas que se poderían aumentar as colaboracións entre as dúas universidades.

 

A comitiva da Universidade Tecnolóxica Princesa Sumaya, unha institución académica ligada á Real Sociedade Científica de Xordania, o principal centro de investigación aplicada de Xordania, que se caracteriza pola súa especialización en áreas relacionadas coa informática, as comunicacións ou a electrónica, trasladou aos responsables académicos da USC o seu interese por ampliar a colaboración entre as dúas institucións no eido das investigacións tecnolóxicas.

 

O fomento de teses de doutoramento co dirixidas por profesorado da USC e da citada universidade xordana e a posta en marcha de diversas iniciativas para que estudantes xa graduados en Xordania poidan completar estudos de mestrado na USC son algunhas das propostas abordadas na xuntada de traballo que mantivo este venres a delegación xordana co reitor da USC.


Outras imaxes


De esquerda a dereita, Ashour, Arce, López, Al Refai, Salameh e Al Fayomi, na reunión celebrada na USC