Saltar ao contido principal
Xornal

A USC avanza no desenvolvemento do Plan Plurianual de Persoal Docente e Investigador para o período 2019-2022

O Consello de Goberno aprobou a asignación de 30 prazas de cátedras por áreas de coñecemento

Actualizada: 30-07-2019 13:53
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo dunha xuntanza do Consello de Goberno

A asignación de cátedras a áreas de coñecemento pola quenda de promoción interna dá un novo pulo ao Plan Plurianual de Persoal Docente e Investigador para o período 19-22 aprobado o pasado mes de marzo. Esta asignación permite avanzar na diminución da bolsa de persoal acreditado achegándolle unha oportunidade de promoción que ata agora a USC non podía asumir polas limitacións da crise económica. O Consello de Goberno aprobou a proposta de asignación definitiva de 30 prazas de catedráticos/a de universidade pola quenda de promoción interna. A oferta foi informada favorablemente pola mesa de negociación sindical de Persoal Docente e Investigador celebrada a mediados deste mes. Do total, 25 prazas destinaranse ao Campus de Santiago e as restantes ao de Lugo.

Eméritos
O Consello de Goberno aprobou tamén a proposta de nomeamento como profesores eméritos correspondentes ao curso 19-20 de Felipe Casanueva, Luis Javier Gallego del Hoyo, Francisco Guitián Rivera, Juan Lema Rodicio, Xaquín Serxio Rodríguez Campos, María Josefina Rodríguez Galdo e de Miguel Ángel Zabalza Beraza.

Na mesma xuntanza tamén se acordou a prórroga como eméritos/as dos docentes Carlos Acuña Castroviejo, Alberto Arce Arce, Andrés Beiras Iglesias, Manuel Bermejo Patiño, María Isabel Cadavid Torres, Alfredo Campos García, José Luis Carro Fernández-Valmayor, Mª Teresa Fanego Lema, José Mª Fraga, Juan Gestal Otero, José A. Gómez Segade, José M. González Herrán, Luis Iglesias Feijoo, Francisco Javier Jorge Barreiro, Felipe Macías Vázquez, José Mª Martinón Sánchez, Mª Lourdes Montero Mesa, Víctor Mosquera Tallón, Antonio Mouriño Mosquera, Carlos Pajares Vales, Ermelindo Portela Silva, Alfonso Rey Álvarez, Ricardo Jesús Riguera Vega, José Rivas Rey, Guillermo Rojo Sánchez, José Joaquín Sánchez Guillén e Félix Vidal Costa.

Oferta de emprego de PAS
A Oferta de Emprego Público (OPE) do Persoal de Administración e Servizos para o presente ano contempla un total de 30 prazas, tanto de persoal funcionario de escalas de administración xeral como de categorías de persoal laboral. Para o corpo de funcionarios a oferta de acceso ascende a 20 prazas nos grupos A1 (3 prazas), A2 (10) e C2 (7), mentres que a oferta de persoal laboral inclúe un total de 10 postos como oficial de servizos (6), condutor (2) e dúas de técnico de investigación, unha na área electrónica (mecánica) e outra na de bioloxía (saúde).

Do total de prazas aprobadas no Consello de Goberno para a oferta de emprego público, 12 dotaranse por promoción interna e outras tres reservaranse para persoas con discapacidade, quedando as 15 restantes ao acceso libre. Como se destaca no documento aprobado no Consello de Goberno, os criterios para a determinación das prazas a oferta responden á situación económica da USC e ás necesidades de recursos humanas producidas por xubilacións. Neste senso, a planificación dos recursos humano ten como obxectivo contribuír á consecución da eficacia na prestación dos servizos e da eficiencia na utilización dos recursos económicos dispoñibles, mediante a determinación dos efectivos precisos e a mellora da súa distribución, formación, promoción profesional e mobilidade.

Outros puntos
Na orde do día deste Consello Goberno tamén se incluían o Regulamento de uso das TIC na USC, a aprobación das comisións de selección de profesorado non permanente, as prórrogas de profesorado e persoal investigador ad honorem, o Sistema Marco de Garantía de Calidade da EDIUS, unha proposta de convenio de dobre título coa Universidade de Concepción (Chile) ou modificación da Relación de Postos de Traballo de PAS.

Outros puntos que completan a orde do día foron a cobertura interina de prazas de profesorado contratado doutor para estabilización de investigadores Ramón y Cajal ou a modificación dos complementos retributivos da convocatoria 2017.