Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Radioterapia do ‘Rof Codina’ mellora tratamentos e mitiga efectos secundarios en animais cun novo acelerador lineal

A nova dotación instalada no Laboratorio de Radiofísica da USC optimiza as prestacións e a eficiencia dun servizo veterinario pioneiro en España que reabrirá en setembro

Actualizada: 30-07-2019 13:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Servizo de Radioterapia do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina (HVURC) da Facultade de Veterinaria do campus Lugo da USC mellora a rapidez e a precisión dos seus tratamentos, ao tempo que mitiga o risco de efectos secundarios nos animais que reciben este tipo de terapia,  coa entrada en funcionamento a partir do mes de setembro do acelerador lineal que vén de instalarse nas dependencias do Laboratorio de Radiofísica (LRF). Esta plataforma tecnolóxica da Rede de Infraestruturas de Apoio á Investigación e ao Desenvolvemento Tecnolóxico (Riaidt) da USC, con sede na Facultade de Física de Santiago e dirixida por Faustino Gómez, desenvolve un amplo abano de actividades e servicios de I+D+i relacionados coa detección e as aplicacións da radiación entre os que se atopa o Servizo de Radioterapia Veterinaria ofrecido en colaboración co hospital Rof Codina.

 

As obras de instalación, montaxe e posterior posta a punto e calibración dun novo acelerador lineal nas instalación do LRF implicaron o cese temporal na actividade desenvolvida polo Servizo de Radioterapia Veterinaria do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina, un centro de asistencia médica veterinaria pioneiro en España que entrou en funcionamento en 2010, data na que o equipamento tecnolóxico do LRF da USC contaba cunha bomba de cobalto 60 e un sistema de planificación 3D por ordenador que permitía realizar a programación de tratamentos a partir de imaxes de TC dos doentes. O primeiro tratamento dispensado no Servizo de Radioterapia Veterinaria do ‘Rof Codina’ foi e 2012, data a partir da que moitos outros usuarios, animais de pequeno e mediano tamaño chegados de distintas localizacións de Galicia, pero tamén derivados doutros centros de España e mesmo de Portugal, recibiron este tipo de terapia.

 

Os profesionais do Servizo Servizo de Radioterapia Veterinaria forman un equipo multidisciplinar integrado por veterinarios, radiólogos e físicos. A planificación dos tratamentos e as probas de imaxe necesarias realízanse no Hospital Universitario Veterinario Rof Codina de Lugo, mentres que o tratamento dos animais enfermos desenvólvense no LRF, sempre baixo supervisión veterinaria. Desde a súa posta en marcha, o Servizo conta co asesoramento do Centro Oncolóxico de Galicia, que sempre impulsou e prestou apoio a este proxecto, segundo lembra o profesor da USC e xerente do ‘Rof Codina’ , Luis Felipe de la Cruz Palomino.

 

A radioterapia é unha modalidade de terapia avanzada, que esixe un profundo coñecemento e especialización no tema, e polo xeral, será un veterinario oncólogo quen remita os casos clínicos ao servizo de radioterapia. Na praxe veterinaria, os tratamentos de radioterapia necesariamente deben realizarse baixo anestesia, a fin de garantir en cada sesión a inmobilización do animal enfermo e que o plan de tratamento se cumpra con precisión. A pauta das terapias e/ou tratamentos realízase en base ao tipo e á extensión do tumor, aínda que tamén cómpre ter en conta o estado xeral da mascota, para estimar a tolerancia dos efectos secundarios esperados, e mesmo as expectativas dos seus propietarios. Na medida do posible téntase individualizar os protocolos buscando o maior beneficio para cada paciente, precisa De la Cruz Palomino.

 

A radioterapia está especialmente indicada nos tumores localizados, cando a cirurxía por si soa non garante a eliminación completa do tumor, ou ben cando por cuestións de funcionalidade ou estéticas non é aconsellable. Os tipos de cancro que con maior frecuencia requiren o uso de radiación no seu tratamento, son os tumores da cavidade nasal, cavidade oral, sistema nervioso e determinados sarcomas localizados en extremidades.