Saltar ao contido principal
Xornal

O prazo de presentación de propostas para o Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson rematará o 10 de setembro

Actualizada: 01-08-2019 13:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartel da convocatoria de 2019

Sacar á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade e desconstruir, na medida do posible, os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e de homes, así como motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional, son os obxectivos da sexta edición do Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson.

Esta é unha convocatoria aberta a toda a comunidade universitaria e ex alumnado da USC, cuxo prazo de presentación permanecerá aberto ata o 10 de setembro de 2019. As fotografías deberán ter unha resolución mínima de 300 ppp, orientación horizontal e un tamaño A3 ou A4. A temática das imaxes terá unha relación directa coas mulleres dende diversas perspectivas: visibilización do traballo, mulleres e ciencia, rompendo estereotipos de xénero,... Para a eleccións das propostas gañadoras terase en conta a creatividade, innovación e o impacto da imaxe.

As tres mellores imaxes seleccionadas recibirán como premios, financiados polo Concello de Santiago, unha dotación económica de 1.000 euros para o primeiro, 800 para o segundo e 500 para o terceiro. Ademais, a imaxe gañadora centrará o cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres en 2020.