Saltar ao contido principal
Xornal

A USC ascende á posición 456 de entre as dúas mil mellores universidades do mundo de CWUR

Actualizada: 05-08-2019 14:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Imaxe de arquivo dunha sesión docente

O Center for World University Rankings (CWUR) ascende á USC ata a posición 456 de entre dúas mil universidades de todo o mundo, logo da análise de 20.000 institucións universitarias avaliadas e clasificadas segundo o seu desempeño académico. O rendemento investigador e a empregabilidade son os dous aspectos mellor valorados da USC, na posición décimo terceira de entre as 53 institucións españolas recollidas nesta clasificación.

CWUR utiliza sete obxectivos e unha serie de indicadores nos que se valora de xeito especial a calidade da educación (medida polo número de alumnos premiados con recoñecementos internacionais); inserción laboral do alumnado, calidade do persoal docente (atendendo ao número de académicos/as premiados en convocatorias internacionais); e rendemento investigador, a través da análise dos resultados científicos, publicacións de alto impacto ou índice de citacións, entre outros.

O Center for World University Rankings preséntase como unha organización de consultoría que brinda asesoramento sobre políticas, información estratéxica e servizos de consultaría a gobernos e universidades para mellorar os resultados educativos e de investigación. CWUR “publica clasificacións universitarias globais autorizadas, coñecidas pola súa obxectividade, transparencia e consistencia”.