Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Deportes da USC mantén aberta a inscrición na súa programación para o curso 2019-2020

Actualizada: 05-09-2019 12:40
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da programación do Servizo de Deportes da USC para o curso 2019-20

O Servizo de Deportes da USC comezou o 1 de setembro o novo curso deportivo 2019-2020 coa apertura na web do prazo de inscrición nas distintas actividades programadas para o próximo o exercicio académico nos campus de Santiago de Compostela e de Lugo. Todas as  instalacións abrirán no seu horario ordinario desde o luns 2 de setembro, agás a piscina, que o fará a partir do día 11. Aínda así, a web do Servizo de Deportes da USC permitirá xa a partir deste primeiro de setembro facer reservas, abonos, bonos e pases para usuarios de práctica libre, así como a inscrición na actividade atletismo-programas.

 

A oferta de actividades e escolas deportivas do Servizo de Deportes da USC para o curso 2019-2020 xa se pode consultar na web da USC, onde tamén se pode visualizar o calendario da programación xa deseñada, que podería ser susceptible dalgún tipo de variación en función da demanda rexistrada.

 

Os cursos de verán de tenis e actividades acuáticas abrirán a programación do novo curso deportivo do Servizo de Deportes da USC ao longo do mes de setembro, período durante o que tamén se volverán celebrar unhas xornadas de portas abertas. Así, día 17 ao 30 de setembro, todas as persoas interesadas poderán coñecer e familiarizarse de balde cos distintos programas ofrecidos, como coas instalacións deportivas nas que se desenvolven, antes de formalizar a súa matrícula.

 

A programación perfilada polo Servizo de Deportes da USC para o curso 2019-2020 dá continuidade ás escolas deportivas, ligas e competicións universitarias que se viñan desenvolvendo ao longo dos últimos anos. Trátase dunha oferta ampla e variada que se desenvolverá nos campus de Santiago e de Lugo, aínda que cada sede universitaria presenta un programa deportivo propio.

 

O campus de Lugo oferta para o vindeiro curso sesións de adestramento de fútbol sala mixto, voleibol; G.A.P., ioga, mantemento+aerobic+step, pilates, running, zumba, e, entre outras, ximnasia de mantemento. A programación do Servizo de Deportes da USC nos campus de Compostela é máis ampla e inclúe entre as actividades deportivas xadrez, running, sendeirismo, atletismo, mellora condición física, pilates, ximnasia de mantemento, ximnasia terapéutica, G.A.P.+tono, zumba e aerobic+step. Deportes como o tenis, triatlón, así como adestramentos de balonmán, fútbol sala feminino, voleibol, autodefensa, ioga, taekwondo, tai-chi, kungfu, judo, karate, mindfulness, aquagym, natación (adultos, nenos, pre e post-parto, maiores, terapéutica), tamén figuran no programa do Servizo de Deportes da USC.

 

As persoas interesadas en acadar máis información respecto ao novo curso deportivo do Servizo de Deportes da USC poden acceder á súa web ou tamén facer as súas solicitudes o suxestións a través dos enderezos de correo electrónico deporsec@usc.es e servizodeportes.lugo@usc.es.