Saltar ao contido principal
Xornal

Cinco grupos da USC adheridos a ReGaLis analizan nunha xornada o uso de biomasa forestal para a obtención de produtos naturais

O evento, no que participarán empresas punteiras no sector, abordará en Santiago o xoves 12 as vantaxes do emprego de líquidos iónicos para acadar produtos sostibles

Actualizada: 06-09-2019 10:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

Cinco grupos de investigación da USC adheridos á Rede Galega de Líquidos Iónicos (ReGaLis) analizarán o xoves 12 de setembro en Santiago as posibilidades que ofrece a biomasa forestal como fonte de produtos naturais, no sector da alimentación, biomateriais, téxtil, construción ou no das enerxías limpas, ao tempo que debaterán sobre as vantaxes que depara o emprego de líquidos iónicos para acadar este tipo de produtos máis sostibles.

 

Os investigadores da USC participarán xunto cos outros equipos de traballo do Sistema Universitario Galego (SUG) e de centros científicos de Galicia na xornada de traballo ‘ Biomasa forestal como fonte de produtos máis sostibles’, un foro no que intervirán empresas galegas pioneiras neste eido, como o son Betanzos HB, Ence, Foresa e Xogoaza Pinaster, ademais do investigador Herbert Sixta, da Aalto University de Finlandia, e moi vencellado ao proxecto Ioncell, no que leva unha década traballando para revolucionar a industria téxtil, ou o profesor de Química da Queen’s University de Beltfast, John Holbrey, recoñecido a nivel mundial.

 

As empresas e os investigadores convidados a participar nesta xornada contan xa con ampla experiencia e anos de traballo na procura de doutros derivados da celulosa, así como tamén da lignina e dos demais compostos, para conseguir unha valorización máis integral da madeira e crear produtos sostibles de maior valor engadido que teñen múltiples e diferentes utilidades.

 

A lignina é un polímero orgánico que representa arredor do 30% do peso de calquera árbore ou planta. Cun tratamento a base de líquidos iónicos, por exemplo, pódese extraer a lignina e a celulosa da biomasa forestal e, despois de diferentes procesos respectuosos co medio ambiente, utilizar estes compostos naturais para a creación de produtos alimenticios, biocombustibles, biomateriais para a automoción ou a industria téxtil; fertilizantes, diferentes químicos para a industria farmacéutica, cosmética, disolventes e un longo etcétera.

 

Os líquidos iónicos son sales formados por ións que teñen un punto de fusión por debaixo dos 100 ºC (a temperatura á que ferve a auga).  Dado o seu carácter iónico, non se evaporan e polo tanto non contribúen á contaminación atmosférica (ó contrario do que acontece cos disolventes tradicionais empregados na industria química). Son disolventes que se deseñan a medida para realizar multitude de procesos químicos respectuosos co medio ambiente.