Saltar ao contido principal
Xornal

Últimos días de inscrición na xornada ‘Smart farming, novas tecnoloxías na produción de Leite” que se celebra o 12 na EPSE

As persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula de balde ata o martes 10 de setembro no enderezo electrónico proepla@gmail.com. As prazas son limitadas

Actualizada: 09-09-2019 11:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Cartaz da xornada

O grupo de investigación Proxectos e Planificación ( ProePla) da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo promoven a organización da xornada ‘ Smart farming , novas tecnoloxías na produción de leite’, un foro que se desenvolverá o vindeiro xoves 12 de setembro, a partir das 10.00 horas, no salón de actos da Escola Politécnica Superior do campus de Lugo e que se encadra dentro do Plan de Transferencia Tecnolóxica ao Agro Galego 2019, financiado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

 

O catedrático da USC e coordinador de grupo ProePla, Manuel Marey, abrirá a quenda de relatorios desa xornada cunha conferencia que leva por título ‘A investigación en Smart farming : perspectiva da Spanish Journal of Agricultural Research (SJAR)’. A investigadora de doutoramento Alba Vázquez dará continuidade a esta primeira quenda de relatorios cunha charla sobre as futuras oficinas agrarias virtuais, mentres que o subdirector xeral de Formación e Innovación Agroforestal de Agacal, José Antonio Portos, pechará a sesión matinal cunha charla sobre o impulso da innovación agraria desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

 

A celebración da xornada ‘ Smart Farming , Novas Tecnoloxías na Produción de Leite’ servirá tamén de escenario para que diversas empresas do sector, tales como  Alltech, Aresa, Corteva-Pionner, DeLaval e Durán Maquinaria, realicen cadansúa presentación dos seus respectivos catálogos de innovacións de que dispoñen neste ámbito.

 

Unha vez rematadas as quendas de relatorios e a sesión de presentación a cargo das empresas, as persoas participantes nesta xornada de transferencia de tecnolóxica terán a oportunidade de visitar, xa en quenda de tarde, unha explotación situada no municipio de Castro de Rei, en cuxas instalacións as empresas convidadas farán unha demostración práctica das súas innovacións aplicadas ao día a día da produción láctea.

 

Inscrición aberta

O prazo de inscrición nesta xornada de transferencia tecnolóxica ao agro galego permanece aberto ata o 10 de setembro. As persoas interesadas poderán formalizar a súa participación de balde a través do enderezo electrónico proepla@gmail.com. As prazas son limitadas.