Saltar ao contido principal
Xornal

A USC ofrece en Veterinaria un curso de introdución ao galego para facilitar a integración do alumnado foráneo

O programa de lingua galega para non galegofalantes promovido polo CLM e o SNL da USC comeza o 16 de setembro e ofrece 20 prazas. Aberta a matrícula na web ata o luns

Actualizada: 12-09-2019 08:28
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

O Centro de Linguas Modernas (CLM) e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC impartirán a partir do próximo luns 16 de setembro un curso de lingua galega para non galegofalantes. Este actividade formativa estruturada en 50 horas de formación presencial e traballo autónomo dos estudantes, ofrece un total de 20 prazas. As sesións lectivas presenciais desenvolveranse durante dous meses e ata o 15 de novembro na aula 8 da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. O prazo de matrícula neste programa de alfabetización en galego permanece aberto ata o luns 16 na web do CLM, onde tamén se pode atopar información relativa a taxas de matrícula e horarios de clase.

 

O curso de lingua galega para non galegofalantes promovido pola USC no campus de Lugo parte dun nivel inicial, xa que está orientado a persoas que non teñen coñecemento algún deste idioma. Trátase dun programa aberto á participación de estudantes non procedentes do Sistema Universitario Galego matriculados en calquera titulación impartida no campus de Lugo, que, unha vez superado este curso recibirán un diploma expedido pola USC, ao tempo que poderán solicitar o recoñecemento de 2 créditos de competencias transversais.

 

O responsable do Servizo de Normalización Lingüística da USC no campus de Lugo, Xusto Rodríguez, explicou que o principal obxectivo deste curso de lingua galega para non galegofalantes pasa por favorecer a alfabetización pasiva (capacidade de compresión e de lectura) no estudantado non galego, a fin de axudar así á súa integración na contorna e nas actividades académicas que se desenvolven en galego.

 

Rodríguez comentou asemade que a pertinencia desta actividade de alfabetización en galego resulta especialmente pertinente nun centro como a Facultade de Veterinaria, que cada ano recibe un elevado número de estudantes de fóra de Galicia, unha porcentaxe de alumnado foráneo que neste curso 2019-20 podería situarse arredor do 70% dos máis de 120 inscritos en primeiro curso, segundo precisou a profesora de Veterinaria María Jesús Sainz.