Saltar ao contido principal
Xornal

Unha mostra en Fonseca rememorará dende este mércores o álbum ‘Trece estampas da traixón’ de Luis Seoane

Actualizada: 12-09-2019 08:56
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A mostra xira ao redor do álbum de debuxos Trece estampas de la traición de Luis Seoane. Foto: Santi Alvite

‘Trece estampas da traizón. 80 anos da súa publicación’ é un proxecto expositivo que a USC e a Fundación Luis Seoane presentan no salón artesoado do Colexio de Fonseca. A mostra xira ao redor do álbum de debuxos Trece estampas de la traición de Luis Seoane co que o artista galego sinalaba os responsables do golpe de estado de 1936 e poñía de manifesto a dramática situación da poboación civil por mor do conflito e a represión posteriores. O álbum de Soeane, o primeiro realizado polo pintor, foi editado en 1937 e formou parte das diversas publicacións que integraron a campaña de propaganda no exterior levadas a cabo polo goberno republicano. No acto de inauguración celebrado este mércores 11 interviñeron a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; a directora da Fundación Luis Seoane e co comisaria da mostra; Silvia Longueira Castro; o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto Matos; e a co comisaria da mostra, María Antonio Pérez García.

A exposición parte dos trece debuxos orixinais de Luis Seoane -catorce incluída a portada do álbum- para realizar un retrato do momento cultural e histórico que acompañou a súa publicación mediante un proceso de contextualización que inclúe obra plástica doutros artistas, documentación diversa e abundante bibliografía, un conxunto de pezas seleccionadas tras un labor de investigación levado a cabo a través de institucións públicas e coleccións privadas de Galicia e España.

A influencia que a obra de grandes representantes das vangardas históricas tiveron nesta pequena colección de debuxos realizados por un Seoane novo -no ano 1937 tiña 27 anos de idade- é un dos aspectos nos que se centra a exposición, grazas a unha selección de volumes cedidos para a ocasión pola Real Academia Galega dos fondos pertencentes á biblioteca persoal do artista. Trátase de catálogos de exposicións e monografías de valor excepcional que amosan o interese que Seoane tiña, xa naquel entón, polas numerosas correntes artísticas que se estaban a desenvolver no estranxeiro, e que poñen de manifesto a súa capacidade para comprender e asimilar os achados estéticos e teóricos de creadores como Otto Dix, George Grosz ou Frans Masereel, un interese que mantería ao longo de toda a súa traxectoria.

A guerra vista a través dos ollos dos artistas galegos ocupa tamén un lugar especial na mostra. Artigos, textos e obra gráfica ofrecen un retrato da postura dos creadores en Galicia fronte ao conflito e do seu apoio ao goberno lexítimo da República, nunha escolla que inclúe debuxos, gravados e un óleo de Manuel Colmeiro, así como os debuxos que Camilo Díaz Baliño realizou na cadea, o cartel do Estatuto de Autonomía de Luis Seoane e mesmo una pequena postal de felicitación realizada polo artista para o Partido Galeguista, entre outras obras. Tamén están presentes Castelao coa súa triloxía sobre o conflito, composta por Galicia Mártir, Milicianos e Atila en Galicia; Arturo Souto e os seus Dibujos de la guerra, e Maruja Mallo, esta última a través duns textos publicados polo xornal La Vanguardia.

Contextualización histórica
No que respecta á contextualización histórica de 13 estampas da traizón, a exposición reúne documentación diversa co obxecto de ofrecer unha panorámica o máis heteroxénea posible acerca das circunstancias que rodearon a elaboración e posterior publicación do álbum por parte de Seoane. Revistas, artigos de opinión, libros e folletos de propaganda política compoñen un apartado no que destacan poemarios como Aviones de Arturo Cuadrado, publicado o mesmo ano que o álbum de Seoane; A gaita a falare. Lembranzas e maldicións. Poemas de Ramón Rei Baltar, editado en 1939 ou o volume ilustrado por Castelao Somebody had to do something: A memorial to James Phillips Lardner by Ernest Hemingway and others, publicado tamén en 1939 en edición limitada, entre outros. O proxecto expositivo complétase cunha peza audiovisual realizada polo artista Juan Martínez de la Colina baseada nos debuxos orixinais de Luis Seoane, que se proxectará nunha das salas da Fundación.

De xeito paralelo á celebración da mostra, a Fundación Luis Seoane acollerá un ciclo de conferencias, un recitar de poemas de Luis Seoane e un obradoiro de estampación a cargo do deseñados e tipógrafo Ricardo Rousselot.


Outras imaxes


No acto inaugural participaron representantes da USC e da Fundación Luis Seoane, así como os comisarios da mostra. Foto: Santi Alvite

A mostra pode visitarse no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite