Saltar ao contido principal
Xornal

Un foro sobre ‘smart farming’ e tecnoloxías na produción de leite cita na EPS de Enxeñaría máis de cen gandeiros, técnicos e empresas

O campus de Lugo da USC traballa para contribuír e ser referente no proceso de transformación tecnolóxica do agro galego, sinala a vicerreitora Montserrat Valcárcel

Actualizada: 12-09-2019 14:39
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Participantes na sesión de apertura da xornada sobre 'Smart farming e novas tecnoloxías na produción de leite'

A xornada ‘ Smart farming , novas tecnoloxías na produción de leite’, organizadas polo grupo de investigación Proxectos e Planificación ( ProePla) da USC e a Oficina Agraria Comarcal de Lugo no marco do Plan de Transferencia Tecnolóxica ao Agro Galego 2019, financiado a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), citan este xoves na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do campus de Lugo da USC máis dun centenar de produtores, gandeiros, técnicos e empresas ligadas ao sector de vacún de leite, que presentarán neste foro algunhas das achegas máis innovadoras.

 

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel, salientou na apertura desta xornada que o futuro do agro galego pasa en boa medida pola súa revolución tecnolóxica e pola progresiva implementación de medidas e avances innovadores, un proceso ao que o Campus Terra da USC non só quere contribuír, senón que aspira a converterse en polo de referencia para todos os axentes implicados neste proceso. Neste senso, Valcárcel salientou que a temática deste foro está aliñada cos obxectivos estratéxicos da sede universitaria luguesa, tanto no que afecta ao perfil das titulacións incluídas na súa oferta docente como a parte das liñas de I+D+i que se desenvolven.

 

A existencia de centros e plataformas de investigación ligadas ao sector leiteiro, como a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) como a futura Granxa Experimental do Campus Terra da USC, que entrará en funcionamento en meses nos terreos que dispón a Deputación Provincial de Lugo na Granxa Gayoso Castro no concello de Castro de Rei, son exemplos que proban a ligazón do campus lugués coa sector primario, dixo.

 

Unha vez rematada a sesión inaugural, un acto que contou tamén coa participaron da xefa territorial de Medio Rural, Olga Iglesias, e no que o catedrático o catedrático do  e coordinador de grupo ProePla da USC, Manuel Marey, salientou que a celebración destas xornadas de transferencia de tecnoloxía ao sector primario, un programa que xa vai pola súa quinta edición, permiten dar visibilidade á necesaria simbiose que debe existir entre a USC, o tecido empresarial e as administracións políticas, a fin de favorecer así un círculo virtuoso que redunde en beneficio do medio rural e das súas xentes.

 

O propio Manuel Marey abriu a quenda de relatorios da xornada cunha conferencia que se desenvolveu baixo o título ‘A investigación en Smart farming : perspectiva da Spanish Journal of Agricultural Research (SJAR)’. De seguido e no marco desta contextualización da xornada, a investigadora de doutoramento na USC Alba Vázquez falou das futuras oficinas agrarias virtuais, mentres que o subdirector xeral de Formación e Innovación Agroforestal de Agacal, José Antonio Portos, pechou a sesión matinal cunha charla sobre o impulso da innovación agraria desde a Axencia Galega da Calidade Alimentaria.

 

A celebración da xornada ‘ Smart farming , novas tecnoloxías na produción de leite’ serviu tamén de escenario para que diversas empresas do sector, tales como  Alltech, Aresa, Corteva-Pionner, DeLaval e Durán Maquinaria, realiasen cadansúa presentación dos seus respectivos catálogos de innovacións de que dispoñen neste ámbito.

 

Unha vez rematadas as quendas de relatorios e a sesión de presentación a cargo das empresas, as persoas participantes nesta xornada de transferencia de tecnolóxica tiveron a oportunidade de visitar, xa en quenda de tarde, unha explotación situada no municipio de Castro de Rei, en cuxas instalacións as empresas convidadas farán unha demostración práctica das súas innovacións aplicadas ao día a día da produción láctea.


Outras imaxes


Montserrat Valcárce, entre Olga Iglesias e Manuel Marey, na apertura do foro

Presentación de innovacións tecnolóxicas parte de empresas