Saltar ao contido principal
Xornal

Valle-Inclán e Valente dispoñen de novos espazos de seu na USC

O reitor inaugurou en Filoloxía os fondos e novas capacidades das cátedras institucionais da USC centradas nos autores galegos

Actualizada: 12-09-2019 20:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Os asistentes visitan as novas instalacións das cátedras. Foto: Santi Alvite

Os escritores Ramón María del Valle-Inclán e José Ángel Valente, figuras en torno ás cales xiran dúas das cátedras institucionais máis senlleiras da USC, gozan dende este xoves dos seus propios espazos na Facultade de Filoloxía. No caso da Cátedra Valente trátase dun espazo remodelado, mentres que a Cátedra Valle-Inclán goza por vez primeira dun lugar propio no que desenvolver a súa actividade e cuxa nova infraestrutura inaugurou este xoves o reitor Antonio López.

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, fundada no ano 2000 e dirixida polo profesor e poeta Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do seu amigo ourensán, tras case vinte anos de moi activo funcionamento, remodela o seu espazo xa existente e exhibe dende agora parte dos seus fondos en tres vitrinas exteriores, situadas no vestíbulo e na biblioteca da Facultade. Pola súa parte, a directora da Cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, amósase satisfeita porque esta cátedra institucional da USC vese dotada por primeira vez dende a súa creación en 2002, dun espazo de traballo propio que tamén permitirá expor as publicacións da Cátedra, así como manuscritos e primeiras edicións do autor.

Cátedra Valente
Claudio Rodríguez Fer salienta que esta exposición permanente que agora se habilita alberga a vintena de libros publicados pola Cátedra Valente, entre eles obras de Juan Goytisolo e de Antonio Gamoneda, con ilustracións de artistas vinculados persoal ou esteticamente con Valente, tales como a súa esposa Coral, Menchu Lamas, Antón Patiño, ou Antón Sobral, entre outros. Todo este material exhíbese complementado con fotografías e manuscritos do autor. Documentación e obras de arte realizadas en colaboración co pintor Antoni Tàpies, así como a poesía en galego de Valente e as obras de arte dos seus importantes ilustradores, Antonio Saura, Eduardo Chillida e Leopoldo Nóvoa, completan esta exposición permanente.

No propio recinto da Cátedra Valente poden verse co gallo do acto inaugural obras artísticas de diversos colaboradores europeos e americanos de Valente, como Paul Rebeyrolle, Jürgen Partenheimer, Rafa Forteza, Baruj Salinas ou o seu amigo da mocidade ourensá Virxilio. De feito, agárdase que nos últimos meses do ano se acometa unha gran exposición deste interdisciplinario patrimonio internacional no Colexio de Fonseca da USC.

Cátedra Valle-Inclán
Os nexos entre Valente e Valle-Inclán que agora se fan máis estreitos ao compartir veciñanza neste novo espazo da USC, veñen de moito atrás. A exposición permanente alberga a correspondencia de Carlos del Valle-Inclán, Marqués de Bradomín e fillo do escritor, por ser moi admirador de Valente, a quen tributou grandes eloxios. O propio Valente dedicou dous poemas a Valle-Inclán e proxectou facer unha edición do seu ensaio ‘La lámpara maravillosa’, pero a súa prematura morte impediu que chegase a efectuala.

A Cátedra Valle-Inclán dispón por vez primeira dun lugar propio para desenvolver a súa xestión e organización, así como o traballo de investigación dos integrantes do Grupo de Investigación Valle-Inclán. Este espazo destinarase tamén á celebración do Seminario Permanente, que desde 2003 esta Cátedra vén organizando con carácter aberto e de maneira periódica, no que teñen participado prestixiosos especialistas na obra do escritor galego procedentes de universidades españolas, europeas e americanas.

Este espazo acolle, por outra parte, un mostrario do fondo bibliográfico da USC e o fondo documental, que perante estes anos o grupo foi reunindo e que hoxe pode consultarse en aberto. Trátase de obras orixinais do escritor, publicadas en xornais e revistas anteriores a 1936 e as obras do escritor galego coas sucesivas edicións en vida do autor. Por outra parte, nesta nova infraestrutura exporase a colección completa da Biblioteca Valle-Inclán, una colección promovida pola Cátedra que ten selo propio e edítase no marco do Servizo de Publicacións  da USC. Esta colección ofrece facsímiles de manuscritos de Valle-Inclán e estudos sobre o escritor galego, e a ela súmanse as coleccións máis recentes das obras completas de Valle-Inclán, e dúas coleccións das obras escollidas do escritor vilanovés, todas elas froito do traballo do grupo. Engádese unha selección de material gráfico do escritor ata o de agora descoñecido.

A Cátedra disporá de dous expositores nos que os interesados poderán ver un selecto mostrario de obras do autor cos correspondentes facsímiles de manuscritos do seu  puño e letra, que a USC ten o privilexio e a honra de custodiar na Biblioteca Xeral, nas condicións que eses materiais excepcionais esixen, tal e como sucede coa biblioteca persoal do escritor en proceso de catalogación. Ambos os dous “tesouros bibliográficos e documentais”, afirma a directora da Cátedra, “conforman o Legado Valle-Inclán Alsina, fondos que fan da USC un centro de referencia internacional dos estudos valleinclanianos”.

Xunto ao reitor e aos directores das cátedras, tamén tomaron parte no acto inaugural a decana da Facultade de Filoloxía, Mª José López Couso; o concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo do Concello de Santiago, Gumersindo Guinarte; e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez. O vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica, Gumersindo Feijoo Costa, tamén acudiu ao acto, alén dunha nutrida representación de profesorado e persoal investigador do centro. 


Outras imaxes


Acto inaugural dos fondos e novas capacidades das cátedras. Foto: Santi Alvite