Saltar ao contido principal
Xornal

O Servizo de Radioterapia Veterinaria da USC, unha unidade asistencial e formativa pioneira en España

Actualizada: 12-09-2019 13:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A incorporación dun novo acelerador lineal no Servizo de Radioterapia Veterinaria da USC convérteo nun servizo pioneiro en España neste tipo de terapia para animais. O reitor Antonio López presentou estas instalacións nun acto este xoves 12 no Laboratorio de Radiofísica da USC. Interviñeron ademais do reitor o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o xerente do Hospital Veterinario Rof Codina, Luis Felipe de la Cruz Palomino; o vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri; e o técnico do Labotatorio de Radiofísica, Diego González Castaño.

O novo equipo, xunto cunha relación máis estreita co Centro Oncolóxico de Galicia (COG), vén mellorar a calidade dos tratamentos con radioterapia a pacientes veterinarios. A partir de agora serán “máis precisos, localizando a dose de radiación no tumor e minimizando danos aos tecidos sans que o rodean, ademais de máis rápidos logrando menores tempos de anestesia e con menor risco de efectos secundarios importantes”, explicou de la Cruz Palomino.

O Servizo de Radioterapia Veterinaria susténtase sobre a actividade e instalacións do Hospital Veterinario Universitario Rof Codina da Facultade de Veterinaria -encargado da aplicación dos tratamentos e da realización das probas de imaxe necesarias- e do Laboratorio de Radiofísica compostelán -onde se aplican as doses de radiación baixo supervisión veterinaria. A estes dous elementos súmase o apoio técnico do Centro Oncolóxico de Galicia (COG).

As instalacións do Servizo xa trataban dende 2012 pacientes veterinarios co antigo equipo, unha bomba de cobalto 60. Ata 2017 aplicáronse fundamentalmente tratamentos de tipo paliativo para conseguir unha mellor calidade de vida naqueles animais con tumores inoperables localizados sobre todo na rexión da cabeza, fundamentalmente na cavidade nasal e oral, así como nas extremidades.

A radioterapia no ámbito veterinario emprégase, ao igual que nas persoas, cando o tumor está localizado nunha rexión concreta  e cando a cirurxía non pode eliminalo por si sola. Como explica o xerente do Hospital Veterinario Rof Codina se existe risco de metástase, pode ser necesario empregar tamén quimioterapia. Dada a complexidade destes tratamentos, é “fundamental a abordaxe dos casos de forma interdisciplinaria e unha adecuada selección dos pacientes que podan beneficiarse deste tipo de terapia”, engade.

Actualmente en veterinaria comeza a existir unha demanda importante destes tratamentos e cada vez son máis o/as propietarios/as dispostos a asumir o seus  custes. Ata tempos recentes, en España no existía ningunha instalación que ofertara esta alternativa, sendo a unidade da USC a única dispoñible en España para tratar animais. O obxectivo, ademais de dar cobertura á crecente demanda clínica, é tamén docente porque axudará a que o alumnado da Facultade de Veterinaria se familiarice con esta ferramenta terapéutica. O estudantado desta Facultade, a través do Hospital Veterinaria Rof Codina, poderá ter contacto na súa aprendizaxe con esta modalidade de terapia beneficiándose do funcionamento deste servizo clínico e asistencial.