Saltar ao contido principal
Xornal

A USC dará esta fin de semana a benvida ao alumnado internacional no Welcome Day

O reitor presidirá o evento ao que asisten máis de 300 estudantes procedentes de 40 países

Actualizada: 13-09-2019 14:12
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Coa celebración este sábado 14 do Welcome Day 2019, a USC dará a benvida ao alumnado internacional que vai cursar estudos na institución académica este curso 2019/20. A xornada, organizada polo Servizo de Relacións Exteriores, celebrarase entre as 12.30 e as 17.30 horas nos xardíns do Colexio de Fonseca e presidiraa o reitor Antonio López. Tamén está prevista a participación da directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; da concelleira responsable de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas, Noa Díaz Varela; e do vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce Vázquez.

O programa do evento contará con diferentes actividades encamiñadas a presentar a universidade compostelá entre o novo alumnado, así como diferentes aspectos da cultura galega. Ao comezo da xornada terá lugar unha benvida institucional por parte de representantes da USC, Concello de Santiago e Xunta de Galicia. A continuación organizaranse actividades de tipo lúdico, como dinámicas de grupo para que os alumnos interactúen entre eles e unha mostra de música tradicional galega do Espazo de Danza da USC. A continuación servirase un xantar con diferentes produtos típicos da gastronomía galega.

Este curso académico a USC contará con máis de 1.000 estudantes internacionais procedentes de 40 países, que pertencen a diversos programas de mobilidade. Aínda que a mobilidade na universidade se segue asociando fundamentalmente ao programa Erasmus e ao ámbito territorial de Europa, a USC nos últimos dez anos ampliou dunha forma substantiva e significativa o tipo de programas e o seu ámbito xeográfico, incluíndo actualmente programas con China, Xapón, múltiples países do ámbito latinoamericano, Líbano, Marrocos, Palestina, Exipto ou Afganistán, entre outros.

A USC ten actualmente 600 convenios de mobilidade asinados, o que implica posibilidades de mobilidade con practicamente todo o mundo, fundamentalmente con Iberoamérica, por motivos culturais, históricos, pero tamén con diferentes países do norte de África, Canadá, Australia, Estados Unidos ou Oriente Medio.