Saltar ao contido principal
Xornal

Dous proxectos dos investigadores Miguel López e Rubén Nogueiras, financiados con preto dun millón de euros pola Fundación ‘La Caixa’

Céntranse nas súas liñas de traballo no CiMUS nas áreas de neurociencia e metabolismo

Actualizada: 16-09-2019 18:00
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De esquerda a dereita: Rubén Nogueiras e Miguel López. Imaxe de arquivo

Miguel López e Rubén Nogueiras, investigadores do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), acaban de recibir cadansúa axuda na convocatoria Health Research 2019 da Fundación ‘la Caixa’ 2019, que supón financiamento por valor de preto dun millón de euros para ambos grupos de investigación da USC durante o período 2019-2022. A esta liña de axudas presentáronse preto de 650 propostas, das que unicamente recibirán recursos 22 proxectos.

A proposta de Miguel López está centrada no ámbito da neurociencia e o seu proxecto pretende desenvolver unha nova terapia para a obesidade baseada na utilización de exosomas, tendo como diana terapéutica unha poboación de neuronas na hipotálamo. O investigador mostrouse especialmente satisfeito coa obtención de financiación para este proxecto xa que como lembro “nos últimos 10-15 anos fixemos unha aposta arriscada para esclarecer como os sensores enerxéticos influencian a inxesta alimenticia”. Esta vía de traballo levounos a “describir unha vía de sinalización completamente descoñecida que é sobre a que pretendemos actuar neste proxecto”.

No plano práctico, o proxecto agora financiado pretende completar a fase preclínica. Nesta liña, o investigador asegura que “os datos preliminares que temos en animais son prometedores e entendo que esa é unha das razóns nas que se fixou o xurado internacional de expertos para propor o seu financiamento así como o feito de que o proxecto é la consecuencia lóxica de toda a xeración de coñecemento levada a cabo durante estes anos”. Como el mesmo matiza, “no momento actual para que un medicamento sexa aprobado ten que estar claro o seu mecanismo de acción, algo que no noso caso se cumpre”.

O segundo dos proxectos da USC financiados está localizado na área de Metabolismo e lidérano o profesor da USC Rubén Nogueiras, Marc Claret (IDIBAPS-Universidade de Barcelona) e Patrice Cani (Universidade de Lovaina). A finalidade do proxecto financiado será esclarecer os mecanismos a través dos que o hipotálamo controla a función gastrointestinal e a composición da flora intestinal. A importancia de levar a cabo este proxecto vén dado segundo explica o profesor Nogueiras porque “implica un salto conceptual importante. Ata agora é amplamente aceptado que as bacterias do intestino exercen algúns accións importantes sobre o cerebro, pero o contrario non se contemplaba. O noso proxecto pretende desenmascarar e estudar en detalle este circuíto cuxa función pode ser moi relevante á hora de entender nun futuro distintas patoloxías”. O investigador explica que se trata dun proxecto de gran complexidade experimental o que tamén motiva que sexa abordado por tres grupos con prestixio internacional e con coñecementos complementarios sobre distintos modelos experimentais no ámbito da neurociencia, o metabolismo e a microbiota.