Saltar ao contido principal
Xornal

A USC reforza o seu rol de referente na formación de profesionais do Sergas grazas a un novo convenio plurianual

Universidade e Servizo Galego de Saúde acordaron subscribir un convenio dotado con case medio millón de euros para desenvolver o programa de formación de matronas

Actualizada: 17-09-2019 13:01
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Reunión entre USC e Sergas. Foto: Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela e o Servizo Galego de Saúde acordaron subscribir este martes un convenio para garantir o desenvolvemento do programa de formación da especialidade de Enfermería Obstétrico-Xinecolóxica (matrona). O Sergas vai achegar un total de 488.400 euros a repartir entre os anos 2019, 2020, 2021 e 2022, a razón de 122.100 euros anuais. O convenio acordado este martes terá unha vixencia de catro anos, podendo prorrogarse por outros catro anos máis.

 

O vicerreitor de Profesorado, Ernesto Xosé González Seoane, manifestou que a USC debe estar “ razoablemente satisfeita de acordar este convenio co Sergas xa que vén a reforzar o seu papel como referente de primeira liña na formación dos profesionais no eido de Ciencias da Saúde”.

 

A reunión presidida polo reitor Antonio López e na que tamén tomou parte o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, tivo lugar na Reitoría no marco dunha xuntanza na que USC e Sergas revisaron o acordo asinado en 2017 para a creación de 12 prazas de profesor universitario en áreas de Ciencias da Saúde. Por este acordo, o Servizo Galego de Saúde achega 958.231 euros no período 2017-2021 para 6 prazas de profesor asociado na área de Medicina (Neuroloxía, Neumoloxía, Dixestivo, Medicina Interna, Reumatoloxía e Alergoloxía); 4 prazas de profesor asociado na área de Pediatría; unha praza de profesor asociado na área de Cirurxía (Cirurxía Ortopédica e Traumatoloxía) e unha praza de profesor asociado na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública.

 

Tanto USC como Sergas, subliñaron que, se ben no momento de asinar o convenio  as áreas anteriormente citadas eras as máis deficitarias de profesionais, a experiencia durante a execución do convenio amosou que as necesidades asistenciais e de docentes están a mudar cada curso académico. Por este motivo USC e Sergas engadiron ao convenio inicial a posibilidade de modificar, de común acordo, a distribución das especialidades médicas no caso de que xurdan necesidades asistenciais e docentes que así o aconsellen.


Outras imaxes


Reunión entre USC e Sergas. Foto: Santi Alvite