Saltar ao contido principal
Xornal

Alumnado chinés e iberoamericano enche as aulas do máster en Dirección de Proxectos na EPS de Enxeñaría da USC

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, abriu a nova edición dun posgrao que reúne estudantes dunha ducia de universidades de 5 países

Actualizada: 20-09-2019 11:10
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Sesión inaugural da edición número 12 do máster en Dirección de Proxectos da USC

Estudantado chinés e iberoamericano enchen as aulas da duodécima edición do máster en Dirección de Proxectos, un posgrao oficial que botou a andar este xoves na EPS de Enxeñaría do campus de Lugo e que conta entre os seus matriculados con titulados universitarios formados nunha ducia de universidades diferentes de Europa, Asia e América.

 

O coordinador do máster universitario en Dirección de Proxectos da USC, o profesor Carlos Amiama Ares, sinalou que o elevado grao de internacionalización deste programa formativo é unha das características singulares que se está a acentuar nas últimas edicións, nas que o número de persoas graduadas en universidades estranxeiras e alleas ao Espazo Europeo de Educación Superior multiplica a cifra de titulados universitarios en España e no conxunto da UE. Esta realidade, engadiu Amiama, é moi positiva para a proxección da titulación e do campus de Lugo da USC, aínda que tamén require esforzos engadidos por parte dos docentes, que teñen que sortear a dificultade que implica un alumnado que non sempre ten o nivel de coñecemento do idioma desexado.

 

O máster en Dirección de Proxectos da USC é un máster de carácter profesional, aínda que tamén dá acceso a estudos de doutoramento, orientado cara a calquera persoa con titulación universitaria interesada na xestión de proxectos. Os contidos deste programa abranguen todas as áreas de coñecemento recoñecidas polas dúas organizacións internacionais líderes neste ámbito, tales como o son Project Management Institute (PMI) e International Project Management Association (IPMA).

 

Os contidos formativos deste programa, estruturado en 60 créditos académicos distribuídos ao longo dun curso académico, esténdense ás dez áreas directivas definidas polo PMI: definición e control do alcance do proxecto, xestión de interesados, estimación e control do prazo e custe do proxecto, xestión da calidade e do risco, xestión de compras e contratacións, xestión de recursos humanos e integración, planificación e control global do proxecto.

 

Sesión inaugural

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu a sesión inaugural da duodécima edición do máster en Dirección de Proxectos no marco dun acto no que, ademais de estudantes e docentes, tamén participarán o coordinador do posgrao, o profesor Carlos Amiama; o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta; o concelleiro de Urbanismo Sostible do Concello de Lugo, Miguel Couto, e o deputado provincial Pablo Rivera Capón.

 

A apertura desta nova edición do máster en Dirección de Proxectos serviu asemade de escenario para entrega de diplomas a os autores dos mellores Traballos Fin de Máster da décima edición deste posgrao oficial, uns galardóns que recaeron en Brais Varela Romero, gañador do primeiro premio, e Jorge Bustos Atanasio, autor do segundo TFM máis valorado.


Outras imaxes


De esquerda a dereita, Cuesta, Rivera, Valcárcel, Couto e Amiama, na presentación do máster en Dirección de Proxectos da USC

Brais Varela e Jorge Bustos, autores dos mellores TFM da décima edición deste posgrao