Saltar ao contido principal
Xornal

O Museo Universitario A Domus do Mitreo súmase ao San Froilán con relatorios, xornadas de portas abertas e ampliación horaria

A investigadora francesa Sabine Armani ofrece este martes, ás 19.30 horas, na Casa do Saber, a charla ‘Epitafios, unha ollada á historia da familia romana a través das pedras’

Actualizada: 30-09-2019 13:33
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Xacemento arqueolóxico do Museo Universitario A Domus do Mitreo

O Museo Universitario A Domus do Mitreo amplía a súa programación habitual durante a primeira quincena do mes de outubro co gallo da celebración do San Froilán coa organización de relatorios divulgativos sobre patrimonio arqueolóxico, xornadas de portas abertas e extensión do horario de apertura, coa pretensión de favorecer que os milleiros de persoas que se achegarán ata a capital luguesa durante as súas festas patronais teñan tamén a oportunidade de coñecer o singular xacemento da Domus do Mitreo e a riqueza arqueolóxica dun enclave que dá boa conta da fonda pegada romana que aínda conserva a cidade bimilenaria de Lucus Augusti.

 

A programación especial promovida durante a primeira quincena de outubro polo Museo Universitario A Domus do Mitreo comezará este martes 1 de outubro cun relatorio divulgativo a cargo da profesora e investigadora francesa na Universidade París XIII-Sorbonne, Sabine Armani, quen ofrecerá, a partir das 19.30 horas, no auditorio da Casa do Saber de Lugo, a charla ‘Epitafios, unha ollada á historia da familia romana a través das pedras’.

 

Sabine Amani afondará na súa intervención sobre a idea avanzada por algúns historiadores que chegaron a denominar a sociedade romana como “a civilización da epigrafía”, unha denominación compresible polo elevado número de inscricións que se conservan no territorio do antigo imperio.  Os romanos inscribían en pedra ou metal as súas leis, facían dedicacións aos deuses, textos que honraban a individuos das elites ou “maldicións” ( defixiones), e, do mesmo xeito que seguimos facendo aínda hoxe, lembraban aos seus defuntos en lápidas funerarias. Este último tipo, os epitafios, é o que máis abunda e ofrécenos moitísima información sobre a sociedade romana. Podemos reconstruír xenealoxías familiares, obter datos sobre a orixe das persoas, os seus cargos públicos… en definitiva, permítennos entender o modo de funcionamento das sociedades provinciais.

 

A directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, a profesora de Historia Antiga da USC na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, Mª Dolores Dopico, explicou neste senso que a relatora convidada, Sabine Armani, centrará a súa charla nos epígrafes máis próximos, aqueles procedentes da península Ibérica e cuxa análise permitirá entender algo máis do pasado romano. Cómpre lembrar neste senso que Armani tamén é a redactora e coordinadora da sección ‘Provincias ibéricas’ da prestixiosa revista ‘L’Année épigraphique’, unha publicación creada en 1888 e que resulta de consulta obrigada para a comunidade científica ao compilar todas as inscricións achadas cada ano nos dominios do antigo imperio romano.

 

Xornada de portas abertas

O Museo Universitario A Domus do Mitreo celebrará o 2 de outubro unha xornada de portas abertas. Así, do mesmo xeito que cada primeiro mércores de mes, todas as persoas que queiran achegarse o próximo mércores ata o xacemento musealizado e ás súas salas de exposición, poderán facelo de balde no horario de apertura habitual, que se estende de 11.00 a 14.00 horas, en quenda de mañá, e de 17.00 a 20.00 horas, pola tarde.

 

Os días 5, 6 e 12 de outubro, tres dos días máis sinalados das festas de San Froilán e durante os que se agarda un maior número de visitantes nas dúas da capital luguesa, as instalacións do Museo Universitario A Domus do Mitreo permanecerán abertas de xeito ininterrompido desde as 11.00 ata as 21.00 horas.