Saltar ao contido principal
Xornal

Investigadores da USC empregan intelixencia artificial para mellorar a competitividade da madeireira Finsa

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes aplica xunto ao Centro de Supercomputación de Galicia tecnoloxía para mellorar a calidade dos produtos

Actualizada: 01-10-2019 12:30
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

CiTIUS, Cesga e Finsa procuran solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade dos produtos

O Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS) e o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) veñen de presentar a segunda fase do proxecto ‘Sistemas intelixentes para a Industria 4.0’, o cal aspira a mellorar a competitividade da empresa Financeira Madeireira S.A (Finsa). Esta colaboración permitirá profundar na utilización en fábrica das tecnoloxías de Intelixencia Artificial, Big Data e Computación de altas prestacións, poñéndoas ao servizo do conxunto de procesos de fabricación necesarios para obter o produto de calidade demandado polos clientes.

 

A presentación desta segunda fase dá continuidade aos bos resultados obtidos no proxecto de investigación que CiTIUS, Cesga e Finsa teñen desenvolvido ao longo dos últimos dous anos e medio. Durante este tempo, o equipo de investigadores traballou xunto aos técnicos de Finsa no deseño de algoritmos baseados en técnicas de Intelixencia Artificial, co obxectivo de controlar de xeito automatizado distintos procesos industriais na planta Orember, ata o de agora de difícil control.

 

O reto proposto pola empresa consistía en obter unha solución tecnolóxica a medida que puidese mellorar a calidade dos seus produtos, aproveitando a inxente cantidade de datos xerados durante a fabricación dos taboleiros de Fibra de Densidade Media, empregados na construción de mobiliario moderno.

 

Froito desta colaboración, desenvolvida integramente en Galicia polo CiTIUS e o Cesga desde 2017, e validada xa en FINSA Orember, asínase agora un novo contrato de investigación de 5 anos de duración, que manterá esta actividade científica nas dúas institucións contratadas.

 

Intelixencia artificial para a Industria 4.0

A ‘Industria 4.0’, coñecida tamén como ‘Cuarta revolución industrial’, ‘Industria intelixente’ ou ‘Ciberindustria’, “é xa unha realidade, que será determinante ao longo dos próximos anos en todo tipo de sectores. As empresas atópanse inmersas nun proceso de transformación tecnolóxica que avanza imparable, establecendo fórmulas que preserven a súa capacidade de competir no mercado”, afirman dende o CiTIUS.

 

O modelo de alianza entre Finsa, Cesga e CiTIUS, aposta por  un equipo interdisciplinario que aglutina empresa, tecnoloxía e academia para, a través do coñecemento e a capacidade, e cunha implicación a pé de planta, poder traballar sobre procesos e produtos reais.

 

Presentación do proxecto

Os directores de CiTIUS e Cesga, Senén Barro e Mario Fernández Dabouza, respectivamente, acompañaron a Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, no acto de presentación do proxecto que tivo lugar este martes na planta de Finsa localizada no polígono de San Cibrao das Viñas (Ourense).

 

A directora de Gain tivo ocasión de coñecer as vantaxes dos sistemas intelixentes desenvolvidos polo equipo de investigación coordinado polos científicos David Mera (CiTIUS), Andrés Gómez (Cesga) e Santiago Recamán (Finsa). Os responsables do proxecto subliñaron a importancia da continuidade deste labor investigador, insistindo na necesidade de incorporar coñecemento técnico para a procura de solucións 4.0 destinadas á industria galega. As mesmas fontes incidiron no feito de que estes proxectos se desenvolveran en centros de investigación situados na comunidade galega.