Saltar ao contido principal
Xornal

A USC, entre as mellores universidades do mundo no eido das Artes e Humanidades

O Times Higher Education (THE) sitúa á universidade compostelá no intervalo 301-400

Actualizada: 02-10-2019 15:05
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A Universidade compostelá figura no intervalo 301-400

A edición 2020 de Times Higher Education (THE) por áreas de coñecemento sitúa a USC como unha das mellores universidades do mundo no eido das Artes e Humanidades. A Universidade compostelá figura no intervalo 301-400 nunha listaxe para cuxa elaboración se teñen en conta indicadores de rendemento similares aos da clasificación global recalibrándoos para adaptarse aos campos específicos.

 

Na clasificación correspondente a Arte e Humanidades, están englobados os estudos relativos a arte, artes escénicas, lingua, historia, filosofía, teoloxía, arquitectura ou arqueoloxía, entre outros. A clasificación está elaborada en base a trece indicadores de rendemento estruturados en cinco áreas: docencia, investigación, citacións, proxección internacional, e transferencia de coñecemento, ordenados por importancia relativa.

 

Mellores universidades do mundo

De entre 1400 universidades de 92 países, o ránking THE situara o pasado setembro, na súa clasificación global, a USC entre as mellores institucións universitarias do mundo, concretamente no intervalo 601-800, mantendo así a posición alcanzada nos últimos tres anos. Índice de citacións, transferencia de coñecemento ou dimensión internacional son os aspectos mellor valoradas da USC por THE. De España, esta clasificación recolle un total 45 universidades.

 

Este mesmo ránking elabora igualmente unha clasificación coas mellores institucións universidades europeas clasificadas pola súa dimensión docente e formativa, aspecto no que a USC se atopa no intervalo 101-125. Esta listaxe basearíase en boa medida nos resultados da enquisa realizada por THE entre máis de 30.000 estudantes universitarios e toma en consideración tamén a idoneidade dos medios utilizados polas universidades, as canles de relación coa comunidade universitaria, a capacidade para impartir docencia do xeito máis efectivo ou a dispoñibilidade de contornas de ensino e aprendizaxe inclusivos.