Saltar ao contido principal
Xornal

Catro investigadores da USC, premiados coas Medallas de Investigación da Real Academia Galega das Ciencias

A primeira edición destes galardóns recoñece as figuras de Carlos Diéguez González, Alfredo Bermúdez de Castro, María Teresa Moreira e José Luis Mascareñas

Actualizada: 08-10-2019 14:48
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

De arriba a abaixo e de esquerda a dereita, os premiados Diéguez, Mascareñas, Bermúdez e Moreira

Catro investigadores da USC recibiron este martes as Medallas de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), distinción que recoñece na súa primeira edición a traxectoria consolidada do director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) e catedrático de Fisioloxía, Carlos Diéguez González; o catedrático de Matemática Aplicada, Alfredo Bermúdez de Castro; a catedrática de Enxeñería Química, María Teresa Moreira; e o director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e catedrático de Química Orgánica, José Luis Mascareñas.

 

A entrega das medallas realizouse no acto académico de celebración do Día da Ciencia en Galicia, no Colexio de Fonseca, no que tamén se homenaxeou a figura de Tomás Batuecas, referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos, e se leva a cabo a entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez. As Medallas de Investigación da RAGC distinguen a científicos e científicas de prestixio que desenvolvesen a maior parte da súa carreira investigadora en Galicia en cada unha das súas cinco seccións.

 

A medalla Ánxeles Alvariño, da sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde, correspóndelle a Carlos Diéguez González (San Xoán de Río, 1955), director do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS). O catedrático de Fisioloxía da USC, con máis de 35 anos de carreira investigadora, é un referente a nivel mundial no campo da neuroendocrinoloxía. Os seus máis de 580 artigos científicos foron publicados en revistas de gran prestixio como Nature ou The Lancet e ten dirixido máis de 40 proxectos de investigación. Entre os galardóns que recibiu figuran a medalla de ouro da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición e o Premio Geoffrey Harris da Sociedade Europea de Endocrinoloxía.

 

Alfredo Bermúdez de Castro (A Coruña, 1950) recibiu a medalla Enrique Vidal Abascal, correspondente á sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación. O catedrático de Matemática Aplicada da USC está recoñecido pola comunidade científica internacional como figura clave no desenvolvemento da súa disciplina en España. Bermúdez de Castro tivo un papel pioneiro no establecemento de pontes entre a matemática e a industria, ata o punto de que os seus traballos facilitaron melloras esenciais no proceso produtivo de numerosas empresas con gran peso na economía galega e española, en áreas tan diversas como a metalurxia, o medio ambiente ou as finanzas, entre outros.

 

A catedrática de Enxeñería Química da USC María Teresa Moreira (Mugardos, 1969) foi a elixida pola sección de Ciencias Técnicas para recibir a medalla Isidro Parga Pondal. Está especializada en enxeñería bioquímica e en xestión do ciclo de vida, ámbitos nos que ten publicado máis de 300 artigos científicos. Ademais, ten unha dilatada experiencia en transferencia de resultados de investigación –acreditada polas sete patentes que xa ten rexistradas– a sectores produtivos como o pesqueiro, o agroalimentario, o da industria forestal, o do transporte sustentable e o da bioenerxía e biocombustibles.

 

O director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), recibiu este martes a medalla Antonio Casares Rodríguez, da sección de Química e Xeoloxía. Mascareñas, catedrático de Química Orgánica da USC, é considerado un dos responsables da introdución en España da química biolóxica. Foi merecedor dunha Advanced Grant, a axuda de investigación máis prestixiosa do Consello Europeo de Investigación (ERC). Conta tamén coa Medalla de Ouro da Real Sociedade Española de Química, institución que lle encomendou a fundación do Grupo Especializado de Química Biolóxica.

 

A celebración da ciencia

A entrega das medallas, na que tamén se recoñece a figura de Xavier Labandeira Villot, catedrático de Economía da Uvigo; forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia, que a RAGC promove para poñer en valor a traxectoria dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de forma significativa ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.

 

No acto académico deste martes homenaxeouse a figura de Tomás Batuecas, o primeiro catedrático de Química Física en España, habilitada na USC en 1932. Coincidindo co 150 aniversario da creación da táboa periódica, a RAGC recupera e difunde a figura deste referente internacional na determinación dos pesos atómicos dos elementos químicos. No acto, entréganse asemade os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo liderado polo Grupo de Agronomía do Campus de Lugo da USC e ao investigador do CiMUS Juan Cuñarro.