Saltar ao contido principal
Xornal

A ETSE reúne a vinte expertos no tratamento avanzado de augas residuais

A vicerreitora de Titulacións deu a benvida a representantes de universidades europeas que participan na segunda xuntanza da Acción Marie Curie Nowelties

Actualizada: 08-10-2019 12:25
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Otero Espinar xunto ao alumnado de doutoramento que participa nesta iniciativa

A Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) celebra a segunda reunión da Acción Marie Curie – European Joint Doctorates ‘ NOWELTIES’ na que a USC é socia pola participación do Grupo de Biotecnoloxía Ambiental (Biogroup) xunto con outras universidades de seis países europeos. Neste encontro están a participar máis de vinte representantes tanto das universidades implicadas coma das empresas colaboradoras, que foron recibidos este martes pola vicerreitora de Titulacións, Victoria Otero Espinar.

 

O principal obxectivo do proxecto NOWELTIES (Joint PhD Laboratory for New Materials and Inventive Water Treatment Technologies. Harnessing resources effectively through innovation) é a posta en marcha de mecanismos de colaboración en estudos de doutoramento entre universidades europeas na área de tratamentos avanzados de augas residuais. Neste marco, veñen de asinarse catro convenios bilaterais na ETSE, coas Universidades técnicas alemás de Aachen  (RWTH) e de Munich (TUM). Estes convenios regularán a emisión de títulos de doutoramento conxuntos.

 

Ademais a ETSE será ao longo de toda a semana a sede da primeira acción formativa (training school) de NOWELTIES, sobre o tratamento e recuperación de recursos de augas residuais dirixida ao alumnado de doutoramento do citado proxecto. Neste curso, coordinado polo catedrático Francisco Omil e a investigadora Sonia Suárez do Instituto CRETUS, están implicados 18 profesores das universidades de Santiago de Compostela, da Universidade Técnica de Aachen e a de Munich (Alemaña), da Universidade de Ferrata (Italia) e dos centros tecnolóxicos ICRA e Cetaqua.

 

A orixinalidade deste curso reside no seu enfoque multidisciplinar abordando tanto temas específicos coma son as tecnoloxías empregadas, a microbioloxía, a lexislación vixente, a economía, o impacto ambiental, como aspectos transversais coma estudos de bibliometría, aceptación social ou comunicación, dotando ao curso dunha formación moito más completa. O programa concluirá coa visita técnica á EDAR de Guillarei (Pontevedra) dirixida por persoal técnico da empresa Aqualia na que os participantes poderán comprobar in-situ casos de éxito de tecnoloxías innovadoras implementadas a escala real.