Saltar ao contido principal
Xornal

O Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago reúne na USC representantes de 25 universidades europeas e americanas

Actualizada: 09-10-2019 16:32
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

A xuntanza comezou esta tarde na USC coa presenza de representantes de 25 universidades socias do Grupo COmpostela. Foto: Santi Alvite

O Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago, inaugurado este mércores no edificio CIEDUS da Universidade de Santiago de Compostela, reune máis de 32 representantes institucionais dos órganos de goberno de 25 universidades socias do Grupo Compostela de Universidades, procedentes de nove países europeos e americanos. Na cerimonia de inauguración de encontro participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente do Grupo Compostela de Universidades, Marek Kręglewski; e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Díaz.

Este Encontro Internacional de Reitores no Camiño de Santiago está organizado polo Grupo Compostela de Universidades en colaboración coa Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. O programa do evento inclúe na súa parte académica actividades como mesas redondas, grupos de traballo e relatorios de expertos como a xefa da Unidade de Educación Superior da Unión Europea, Vanessa Debiais-Sainton, ou o director xeral da Oficina da Alto Comisionado para a Axenda 2030, Federico Buyolo.

A cita completarase con visitas culturais e académicas á cidade da Coruña, degustacións de produtos galegos e un percorrido polo Camiño de Inverno na contorna da Ribeira Sacra. Na súa derradeira xornada, o venres 11, asinarase en Chantada a Declaración Solemne Ribeira Sacra de Reitores no Camiño de Santiago, expresión do compromiso das universidades e da súa vontade de traballar en prol do logro dos obxectivos de desenvolvemento sostible na Educación Superior e da iniciativa de universidade europea.