Saltar ao contido principal
Xornal

As técnicas de separación e a espectrometría de masas, obxecto de análise na Facultade de Medicina

O First Iberian Meeting in Separation Sciences & Mass Spectrometry estenderase ata o vindeiro venres 11 de outubro

Actualizada: 08-10-2019 13:52
Comparte esta noticia en Facebook Comparte esta noticia en Del.icio.us Comparte esta noticia en Meneame Comparte esta noticia en Google Bookmarks Comparte esta noticia en Yahoo

Asistentes ao encontro

A Facultade de Medicina inaugurou este martes o First Iberian Meeting in Separation Sciences & Mass Spectrometry que se estenderá ata o vindeiro venres 11 de outubro. O vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, destacou no acto inaugural o grande éxito desta reunión, feito que pon de manifesto “a relevancia da investigación que se realiza na USC no eido da Química Analítica”.

 

No encontro, no que se dan cita arredor de douscentos especialistas, trátase de intercambiar coñecemento e tecnoloxía que permitan unha actualización multidisciplinar completa sobre os novos desenvolvementos nas metodoloxías e nas técnicas de separación e de análise; con énfase na utilización da espectrometría de masas, para a resolución de problemas analíticos complexos no eido medioambiental, no control da  seguridade alimentaria, na diagnose e o tratamento de enfermidades, e nas novas ferramentas instrumentais.

 

O programa inclúe sete conferencias plenarias de recoñecidos científicos internacionais como Adrian Covaci, Rosario Pereiro, Jane Thomas-Oates, Valerie Gabelica, Cristina Barrocas, Miguel Herrero, e Frantisek Svec; ademais de achegas orais e pósters, nas que os investigadores máis novos terán un papel relevante. Ao longo do evento haberá unha exhibición destacada dos principais e máis recentes avances en instrumentación analítica.

 

O foro está organizado polo Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas (LIDSA), pertencente á agrupación multidisciplinar no campo das Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) e ao Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Química da USC. 

 

Este encontro integra a XIX Conference of the Spanish Society of Chromatography and Related Techniques, a IX Conference of the Spanish Society of Mass Spectrometry, e a VI Conference of the Mass Spectrometry Group of the Portuguese Society of Chemistry.